Os conselleiros de Presidencia, Xustiza e Deportes e de Sanidade mantiveron hoxe un encontro cos representantes dos concellos para abordar os detalles do programa de fomento de hábitos de vida saudable

A Xunta e 23 concellos galegos alíanse para prescribirlle actividade física aos maiores de 60 anos a través do plan ‘Adestra a túa saúde’

Segundo anunciou Diego Calvo, cada un dos municipios participantes nesta iniciativa recibirá unha achega de 10.000 euros para apoiar o desenvolvemento do programa

O plan conta en global con case 700.000 euros de fondos europeos para o desenvolvemento dunha plataforma de prescrición e seguimento, formación de profesionais, compra de material, xestión de recursos e mellora de espazos deportivos

A medida vai dirixida a persoas maiores de 60 anos mediante a derivación desde os centros de saúde a un promotor de exercicio físico dos concellos que lle recomende servizos dispoñibles no municipio acordes á súa condición física

O conselleiro de Sanidade vencella esta iniciativa ao plan Obesidade Zero, co que a Xunta pretende reducir nun 15% a poboación galega con obesidade ou sobrepeso no ano 2030

Santiago de Compostela, 22 de xullo de 2025

Os conselleiros de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, xunto co secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, e a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, reuníronse hoxe con representantes dos 23 concellos participantes na primeira convocatoria de Adestra a túa saúde, que a Xunta activa este ano para a mellora da calidade de vida da cidadanía. Trátase de Abegondo, As Neves, Ares, Arteixo, Baiona, O Carballiño, Camariñas, Cenlle, Curtis, A Estrada, Malpica, Mondoñedo, Monfero, Outes, O Pino, Ponteareas, Ponteceso, Ribadavia, Rois, Santa Comba, Santiso, Silleda e Xinzo de Limia.

Segundo sinalou Diego Calvo, coa xuntanza quérese avanzar na implantación do plan e informar da dispoñibilidade de novos fondos que lles serán asignados ás administracións locais. O conselleiro lembrou que o plan autonómico de prescrición de actividade física e exercicio orientado á saúde contaba cunha asignación inicial de máis de 442.300 euros de fondos europeos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia (MRR) para a implantación en máis dunha vintena de concellos, a dixitalización do plan co desenvolvemento dunha plataforma de prescrición desde a que se poida realizar un seguimento das persoas usuarias, a compra de material para a avaliación da condición física e a formación de profesionais sanitarios e do deporte.

Como novidade, explicou, a medida integrouse na rede coordinada de promotores da actividade física nas zonas rurais (Pafer) impulsada polo Consello Superior de Deportes tamén no marco dos fondos MRR. Esta adhesión permítelle á Xunta dispoñer a maiores dunha dotación superior a 246.000 euros. A contía permitirá crear unha rede dixital e repartir entre os concellos participantes arredor de 10.000 euros para facilitarlles a xestión de recursos e o deseño de programas básicos de promoción da actividade física e para a mellora de espazos deportivos.

Pola súa banda, o conselleiro de Sanidade incidiu en que protexer a saúde da poboación é un obxectivo ambicioso onde todos os aliados son necesarios, por iso agradeceu a implicación da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes e dos concellos nesta iniciativa.

Subliñou que unha das prioridades da Xunta no eido da saúde pública é a prevención, a detección temperá e o fomento de hábitos de vida saudables, facendo das súas políticas nesta materia unha referencia para o resto de España e tamén a nivel internacional.

Maiores de 60 anos, colectivo prioritario

O plan consiste na derivación de persoas maiores de 60 anos por parte de profesionais  sanitarios do centro de saúde a un  promotor de exercicio físico do concello graduado en Educación Física que se encargará de avaliar a súa condición física e quen acordará con ela o tipo de exercicio, tendo en conta as recomendacións do persoal sanitario e os servizos dispoñibles no municipio. En todo caso, é o persoal sanitario o que detecta as persoas destinatarias e as invitan a participar no programa. Se a resposta é afirmativa é cando se lles remite ao promotor de exercicio físico. A permanencia da persoa usuaria no programa terá unha duración máxima de nove meses.

Deste xeito, a Xunta busca con Adestra a túa saúde mellorar a calidade de vida deste colectivo -tanto persoas sas como con factores de risco cardiovascular como padecer diabetes, hipertensión, dislipemia, obesidade, sobrepreso ou sedentarismo- mediante a práctica de exercicio. Preténdese así crear unha rede sociosanitaria comunitaria para a prescrición e o seguimento da actividade física neste segmento da poboación galega, facendo uso dos recursos xa existentes no municipio e desde a coordinación e o traballo conxunto de todos os axentes implicados.

Cómpre lembrar que a Xunta xa puxo en marcha este plan de maneira experimental en 2022 nos municipios de Arteixo e Abegondo coa implantación de proxectos piloto que contribuíron á definición do programa.

Fomento da actividade física

O plan Adestra a túa saúde enmárcase na aposta da Xunta polo fomento da práctica da actividade física e deportiva como ferramentas de saúde e benestar ao longo de toda a vida. Nesta liña, conta co plan Galicia Saudable que, desde 2009, foi desenvolvéndose no fomento da actividade física e a adopción dun estilo de vida activo, como claves para garantir o benestar e unha mellor calidade de vida desde a Infancia ata a vellez.

No marco deste plan cóntase con actuacións e programas interdepartamentais, como a plataforma DAFIS, seleccionada pola Organización Mundial da Saúde como boa práctica europea para o fomento da actividade física no ámbito escolar, ou a posta en marcha na Comunidade galega do Plan Obesidade Zero 2022-2030. Trátase dun plan de acción para a prevención do sobrepeso e a obesidade en Galicia desde unha perspectiva de saúde pública que, tal e como explicou o conselleiro de Sanidade, ten como meta de reducir a prevalencia de sobrepeso nun 15 % no ano 2030; é dicir, que 189.000 galegos deixen de ter obesidade en 2030.

O programa alíñase tamén coa Estratexia de promoción da saúde e prevención do Sistema Nacional de Saúde, o plan galego de atención primaria e a Estratexia galega para a atención a persoas en situación de cronicidade. Na súa intervención, o titular de Sanidade da xunta referiu tamén outras iniciativas como a plataforma Sanidade Mediaverso ou o Observatorio de Saúde Pública de Galicia, que inclúe a ferramenta Atopa a túa saúde, un mapa de activos sanitarios co que a cidadanía pode buscar os recursos e actividades que hai no seu municipio.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/07/2025