A Xunta adxudica contratos para a compra de equipamento para o Hospital Novo Montecelo por importe de preto de 1,3 M€
Inclúen a compra de equipamento de endoscopia dixestiva e ecógrafos para cirurxía xeral e dixestiva e xinecoloxía e obstetricia
A Xunta está a levar a cabo a compra e instalación do equipamento do novo hospital por importe de 30 millóns de euros para a súa próxima posta en marcha
Nos últimos meses, o Goberno galego licitou por 12,4 millóns de euros o equipamento de hospitalización e sistemas automatizados de dispensación de medicamentos
Santiago de Compostela, 22 de xullo de 2025
A Xunta, por medio da Consellería de Sanidade, vén de adxudicar diversos contratos que suman un importe de 1.291.607 euros para a compra de equipamento para o hospital Novo Montecelo.
Así, o Executivo galego, no marco do expediente de subministración de equipamento electromédico da fase inicial con destino a diversos servizos do Hospital Novo Montecelo, adxudicou á empresa PTW Dosimetría Iberia, S.L.U, por importe de 358.765 euros, a compra do equipamento de dosimetría e control de calidade de aceleradores.
Outra das adxudicacións responde á compra de 13 ecógrafos de cirurxía xeral e dixestiva, por importe de 157.239 euros, da que resultou adxudicataria a empresa Celta Ingenieros, S.L.
Tamén se adxudicou, por importe de 231.103 euros á empresa Fujifilm, equipamento de endoscopia dixestiva.
O cuarto lote de equipamento adxudicado por 544.500 euros á empresa General Electric refírese a ecógrafos para xinecoloxía e obstetricia.
Estas contratacións responden á necesidade de dar unha correcta cobertura sanitaria á poboación da área de referencia de Pontevedra e O Salnés, mellorando a atención coa adquisición de equipamento preciso para a posta en marcha e funcionamento dos servizos vinculados ao Plan funcional e de espazos do Hospital Novo Montecelo.
De forma paralela á obra, na que está a investir 170 millóns de euros, a Xunta está a levar a cabo a compra e instalación do equipamento do novo hospital por importe 30 millóns de euros de cara á próxima posta en marcha do centro hospitalario.
Nos últimos meses, o Goberno galego licitou por 12,4 millóns de euros equipamento de hospitalización e sistemas automatizados de dispensación de medicamentos.