O delegado territorial da Xunta visitou esta mañá, acompañado do alcalde, a casa niño ‘Xoaniña’ de Castrelo de Miño

Manuel Pardo salienta os 5 M€ que a Xunta destina á continuidade ata 2028 das 51 casas niño da provincia de Ourense

O delegado territorial subliñou que se trata dunha mostra da inequívoca aposta da Xunta de Galicia porque nos municipios rurais existan os mesmos recursos que nas cidades, nomeadamente no ámbito da familia e a infancia; “ unha mostra máis que garante a presenza e o futuro dun servizo esencial”

Manuel Pardo insistiu na importancia que teñen estes servizos tanto para o coidado dos nenos e nenas de 0 a 3 anos que viven en contornas rurais como para facilitar a conciliación da vida laboral, familiar e social dos pais e nais

Galicia ten na actualidade máis de 100 casas niño en servizo distribuídas por todo o territorio, entre as que suman máis de 500 prazas gratuítas para nenos de 0 a 3 anos

Ourense, 23 de xullo de 2025

“As casas niño son unha gran solución para territorios rurais e con pouca poboación que, polas súas características, non teñen suficiente demanda para dispor dunha escola infantil, pero si poden ofrecer deste xeito un servizo fundamental para formar e atender os cativos nos seus primeiros anos de vida, favorecendo ademais a súa interacción social e apertura ao mundo, e permitir ao mesmo tempo que traballen os seus pais e nais”; así o manifestou esta mañá o delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Manuel Pardo, na súa visita desta mañá á casa niño ‘Xoaniña’ de Castrelo de Miño.

O delegado territorial, acompañado do  alcalde, Avelino Pazos, destacou os preto de 5 millóns de euros que a Xunta de Galicia vai destinar ata o ano 2028 ás 51 casas niño da provincia de Ourense; “unha mostra da inequívoca aposta da Xunta de Galicia para que nos municipios rurais existan os mesmos recursos que nas cidades, nomeadamente no ámbito da familia e a infancia; unha mostra máis que garante a presenza e o futuro dun servizo esencial”.

Insistiu Manuel Pardo na importancia que teñen estes servizos tanto para o coidado dos nenos e nenas de 0 a 3 anos que viven en contornos rurais como para facilitar a conciliación da vida laboral, familiar e social dos pais e nais. Neste sentido, apuntou que o Goberno galego aposta por estes recursos que nacían no ano 2016 coa intención de fomentar a igualdade de oportunidades entre territorios e entre as familias que viven nunha cidade e as que viven no rural.

Ademais de garantir a atención personalizada e gratuíta a nenos ata os 3 anos de idade, estas axudas tamén se poden destinar á reposición do equipamento cunha achega adicional de 1.500 euros, así como do material didáctico e de xogos; e a obras de reforma, mantemento ou eficiencia enerxética.

Hai que lembrar que a Xunta incluíu nesta convocatoria un incremento de case o 5 % da axuda que viñan percibindo as titulares das casas niño. Este aumento supón elevar ata os 29.000 euros a contía anual que reciben as promotoras destes equipamentos. O obxectivo é que poidan facer fronte ao incremento de gastos derivados da subida da luz ou das pólizas de seguro.

En Galicia

Galicia ten na actualidade máis de 100 casas niño en servizo distribuídas por todo o territorio, entre as que suman máis de 500 prazas gratuítas para nenos de 0 a 3 anos. O obxectivo é seguir atendendo ás necesidades de conciliación da vida persoal  e laboral das familias nos concellos rurais de Galicia nos que están establecidas.

Cada casa niño atende un máximo de cinco nenos, de xeito flexible e con garantías de seguridade e calidade, dado que se esixe unha formación ou experiencia profesional específica e impóñense requisitos e normas de seguridade nos inmobles. Estes servizos ofrecen unha atención integral e personalizada con carácter gratuíto na modalidade de atención diúrna e de luns a venres.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/07/2025