A Xunta financia con máis de 330.000 euros a dotación de saneamento en varios lugares da parroquia de Tenorio, en Cerdedo-Cotobade
Cerdedo-Cotobade (Pontevedra), 23 de xullo de 2025
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá as obras de dotación de saneamento que se están a levar a cabo en varias zonas da parroquia de Tenorio grazas a un convenio entre o concello de Cerdedo-Cotobade e Augas de Galicia.
Os traballos beneficiarán a preto de corenta vivendas dos lugares de Torrevella, Traslamós e Covas e foron posibles grazas a unha achega da Xunta de máis de 330.000 euros, que supón o 80 % do orzamento dispoñible para esta actuación, sendo que o 20 % restante foi asumido polo concello.
Ademais da instalación do saneamento, a actuación prevé unha renovación do firme das zonas nas que se están a levar a cabo os traballos.
Neste sentido, o delegado territorial aproveitou a visita para lembrar a importancia da colaboración entre institucións e de “confiar no criterio dos alcaldes e alcaldesas que son quen mellor coñece as necesidades dos seus concellos”.