A Xunta adxudica un total de 10.320 prazas de profesores, 868 máis que o curso pasado, a través dos concursos de destinos provisionais e de traslados
Os aspirantes que superaron as oposicións celebradas este verán convértense en funcionarios en prácticas cun 86% das prazas convocadas cubertas
Este ano estabilizouse, ademais, o destino de 3.320 docentes mediante o concurso de traslados, 905 máis ca no ano anterior, o que supón unha mellora notable
O reforzo do cadro de profesorado dos centros educativos incrementarase e completarase en setembro coa adxudicación de máis prazas do Plan MEGA
Santiago de Compostela, 24 de xullo de 2025
A Xunta de Galicia adxudicou para o vindeiro curso 2025/26 un total de 10.320 prazas de profesores, o que representa 868 máis ca o ano pasado, a través de dous procesos: o concurso de adxudicación de destinos provisionais (CADP) e o concurso xeral de traslados (CXT).
Estes procesos son dúas das vías coas que a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP dota de persoal os centros escolares, pero non as únicas. De feito, o reforzo do plantel do profesorado incrementarase no mes de setembro, coa adxudicación de máis prazas vencelladas ao Plan MEGA de mellora educativa de Galicia.
No marco deste proceso dinámico, que a Consellería completará a principios de curso, séguense a analizar as necesidades dos centros para darlles resposta coa dotación de persoal máis acaída, tendo en conta ademais a implantación do Acordo de mellora do sistema educativo galego que está a supoñer unha mellora notable. Nel, e co obxectivo de blindar a calidade do ensino da próxima década malia a baixada da natalidade, inclúense medidas pioneiras e únicas en España como a ponderación do alumnado con necesidades especiais, así como a redución progresiva das ratios de alumnos por aula.
Concurso de adxudicación de destinos provisionais
A través do concurso de adxudicación de destinos provisionais veñen de consignarse 7.000 prazas docentes, 37 menos ca o ano pasado, o que se explica polo forte aumento experimentado no concurso do traslados, con 905 prazas máis. Dentro destas 7.000 atópanse aqueles que superaron as oposición celebradas este verán e que se converten en persoal funcionario en prácticas. Unha vez rematadas as diferentes probas, nas que se inscribiron arredor de 20.500 opositores, cubríronse o 86% das prazas convocadas.
Cómpre salientar que esta oferta pública de emprego reforza a posición de Galicia como a comunidade coa taxa de interinidade estrutural máis baixa, por debaixo do 5%. No conxunto do Estado, esta cifra estímase que está situada actualmente no 30%.
No CADP participa todo o profesorado funcionario de carreira sen destino definitivo, o persoal funcionario en prácticas e o persoal interino e substituto. Non participa, por exemplo, o profesorado con destino definitivo, agás aquel que teña concedida unha comisión de servizos de conciliación da vida familiar e laboral ou por razóns de saúde.
Concurso xeral de traslados
No que atinxe ao concurso xeral de traslados, este ano a Xunta deu destino definitivo a 3.320 docentes, 905 máis ca no ano anterior, parte dos cales participaban con anterioridade no CADP. Isto supón unha aposta pola estabilidade do corpo docente, creando cadros de persoal máis estables nos centros, o que permite facer planificacións pedagóxicas a medio e longo prazo para unha mellor atención ao alumnado.
No concurso de traslados deben participar os funcionarios en expectativa de destino. Tamén poden facelo os docentes con destino definitivo que desexen cambiar de centro.