A Xunta destaca na Guarda a importancia de apoiar o comercio local a través de iniciativas como a campaña “Merca no teu comercio”

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, participou hoxe na entrega de premios da campaña realizada en colaboración coa Federación Galega de Comercio

A Guarda (Pontevedra), 24 de xullo de 2025

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, asistiu esta mañá ao acto de entrega de premios da campaña Merca no teu Comercio, celebrado na praza Avelino Vicente do concello pontevedrés da Guarda. Esta acción constitúe a segunda parada na provincia de Pontevedra dunha iniciativa impulsada pola Xunta de Galicia en colaboración coa Federación Galega de Comercio, co obxectivo de fomentar e dinamizar o comercio de proximidade.

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, lembrou  que a campaña Merca no teu Comercio continúa activa noutros concellos da provincia de Pontevedra. En concreto, estará en marcha ata mañá nos municipios de Silleda e Vila de Cruces. Así mesmo, ata o 4 de agosto a iniciativa estase a desenvolver nos concellos de O Rosal, Oia e Tui.

O acto puxo o broche final á serie de sorteos en directo desta primeira edición, dirixidos aos consumidores que rexistraron as súas compras, xa fose a través da páxina web da campaña ou directamente nos establecementos adheridos. No marco desta iniciativa, repartíronse 20 tarxetas prepago de 50 euros cada unha, que poderán ser utilizadas nos comercios participantes ata o 31 de decembro. A campaña, pola súa banda, continuará en marcha ata o vindeiro 31 de outubro

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/07/2025