A Xunta somete a información pública o proxecto de trazado da variante de Carballo, que suporá un investimento de máis de 22 M€

Trátase do proxecto do novo trazado, que conectará o polígono de Bértoa, a estrada AC-552 e o enlace Carballo Leste da AG-55 coas DP-1914 e AC-413, situadas ao sur e sureste do municipio

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe este anuncio, establecendo 30 días hábiles contados a partir de mañá para presentar alegacións

O obxectivo é a creación dunha variante que dará saída directa ao polígono industrial de Carballo cara as estradas de Ordes e Santiago, evitando o trafico pesado pola trama urbana

A estrada divídese en dous tramos: o primeiro, cunha lonxitude de 2.850 metros entre a AC-552 e a AC-413 e o segundo, de 800 m entre a AC-413 e a DP-1914

Entre as estruturas previstas están un viaduto sobre o río Anllóns, dous pasos superiores e un paso inferior, un muro de contención  e un marco para o rego Añón

Construiranse dúas glorietas de 60 e 70 m de diámetro con dous carrís de 4 m, beirarrúa exterior e interior e berma, nas interseccións coa AC-413 e DP 1914

Santiago de Compostela, 1 de agosto de 2025

A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) o anuncio polo que se somete a información pública o proxecto de trazado da variante de Carballo, cuxa execución suporá un investimento estimado de máis de 22 M€.

O prazo para presentar alegacións a este proxecto será de 30 días hábiles contados a partir de mañá.

Trátase de avanzar no desenvolvemento dunha estrada de novo trazado que serva de variante polo sureste ao núcleo urbano de Carballo. Permitirá a conexión do parque empresarial de Bértoa, a AC-552 e o enlace Carballo Leste da AG-55 coas estradas DP-1914 e AC-413, situadas ao sur e sureste de Carballo.

Así, o obxectivo é a creación dunha variante de poboación pola zona este que capte e canalice os tráficos de medio e longo percorrido do parque empresarial e a zona norte de Carballo cara Santiago de Compostela pola estrada provincial DP-1914, e cara Ordes e a N-550 empregando a AC-413, evitando deste xeito que atravesen a trama urbana de Carballo.

Con esta actuación darase un servizo máis directo ao polígono de Bértoa, que xera gran parte da actividade económica de Carballo e da súa mobilidade, ademais de evitar o tránsito de mercadorías polo centro urbano de Carballo. Isto permitirá evitar a circulación dos vehículos pesados, en concreto, na zona do instituto Alfredo Brañas, o colexio infantil e de primaria Fogar e a zona do complexo deportivo.

A intensidade media do tráfico no ano horizonte 2045 estímase que oscilará entre os 8.747 e os 11.360 vehículos/día, dependendo do treito.

Neste enlace ao DOG pódese ampliar a información relativa a este anuncio, que tamén inclúe a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados polo proxecto referido. Na variante de Carballo será necesaria a expropiación de 182 parcelas de terreos.

As actuacións

As actuacións proxectadas comprenden unha estrada de novo trazado e velocidade de proxecto 80 km/h. As conexións con outras estradas resólvense a nivel mediante glorietas. A estrada estará valada e non se permitirán os accesos salvo nas glorietas que delimitan os treitos do trazado.

No proxecto que se somete agora a información pública o trazado da nova estrada en planta estrutúrase en dous tramos que teñen orixe e final nas interseccións a nivel previstas en forma de glorieta. En concreto, o primeiro treito, cunha lonxitude de 2,8 Km se inicia nunha nova glorieta situada na AC-413 e discorre dirección NE, finalizando na glorieta existente na AC-552. O segundo teito de novo trazado, de 0,8 Km, se inicia na DP-1914 e finaliza nunha nova glorieta na AC-413.

A lonxitude acada así algo máis de 3,6 quilómetros, cunha sección tipo xeral de 2 carrís de 3,50 metros, máis 2 beiravías de 1,5 m e bermas de 1 m.

As estruturas a desenvolver inclúen un viaduto sobre o río Anllóns de 340 m de lonxitude, dous pasos superiores sobre a variante no treito entre a AC-413 e a AC-552; un paso inferior baixo a variante no tramo entre a DP-1914 e a AC-413, de dimensións interiores 10 x 4,5 m.

Tamén se prevé un muro de contención no treito final da variante, na marxe dereita no punto de conexión coa AC-552, e un marco para o rego Añón, no treito entre a AC-413 e a AC-552, de dimensións interiores 6 x 3,5 m.

Con respecto ás glorietas, construiranse dúas glorietas de 60 e 70 m de diámetro con dous carrís de 4 m, beirarrúa exterior de 1,5 m, beirarrúa interior de 1 m e berma de 1 m nas interseccións coa AC-413  e DP 1914.

Data de actualización: 01/08/2025