A Xunta lanza un decálogo para fomentar as boas prácticas medioambientais durante o verán

Sogama, a través da súa páxina web e doutras canles de comunicación, insistirá na necesidade de seguir practicando en vacacións hábitos responsables como reducir a produción de residuos, minimizar o desperdicio alimentario ou aforrar auga e enerxía

Santiago de Compostela, 2 de agosto de 2025

A Xunta de Galicia, a través da Sociedade Galega de Medio Ambiente (Sogama), acaba de dar a coñecer un decálogo de boas prácticas para animar á cidadanía a Reconectar co medio ambiente este verán.

Deste xeito e coincidindo coas vacacións estivais de moitos galegos, a empresa pública lembra a necesidade de non relaxarse nin abandonar nestas datas os bos hábitos ambientais xa interiorizados así como a aproveitar este período de maior tranquilidade e tempo libre para introducir cambios importantes nas rutinas diarias que amosen un maior compromiso coa contorna e o seu coidado.

A través da súa web e do resto de canles de comunicación á súa disposición, Sogama buscará concienciar así este verán sobre a importancia de poñer en práctica pequenos xestos que levan asociados grandes recompensas.

En concreto, anima a reducir a produción de refugallos, unha premisa básica para a correcta xestión dos mesmos á que se contribúe levando sempre bolsas e botellas de auga reutilizables, evitando o consumo de produtos de usar e tirar, e prescindindo dos envases e envoltorios innecesarios, entre outras accións. 

Tamén chama a combater o desperdicio alimentario, calculando o menú en función do número de comensais e no caso de acudir a un restaurante ou chiringuito de praia, pedindo unicamente o que se vaia comer ou levando para a casa as sobras.

Se non hai unha papeleira preto o un contedor axeitado, aconsella gardar o residuo ata que atope un lugar axeitado no que depositalo para a súa correcta xestión e lembra separar sempre en orixe para propiciar a reciclaxe dos refugallos.

Ademais, avoga por primar o consumo de produtos locais e de tempada xa que así se reducen as emisións de CO2 derivadas do seu transporte e favorécese a economía local. En canto aos aloxamentos turísticos, recomenda escoller aqueles con certificación ambiental e seguir as súas recomendacións.

En canto ao uso de recursos como a auga, a recomendación durante o verán son duchas curtas e pechar a billa durante o cepillado de dentes, por exemplo; e en xeral, buscar fórmulas para aforrar enerxía (aproveitando a luz natural, desenchufando os aparellos eléctricos cando non se utilicen, moderando o recurso ao aire acondicionado...).

Os últimos consellos son desprazarse de forma sostible, camiñando, en bicicleta ou en transporte público, e, finalmente, “desconectar para reconectar”, é dicir, prescindir ao máximo das pantallas e da tecnoloxía este verán para gozar dos elementos naturais e paisaxísticos que nos rodean.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 02/08/2025