A Xunta habilita unha liña de axudas dun millón de euros para facilitar a incorporación ao mercado laboral de novos profesionais do transporte

O presidente do Executivo autonómico, Alfonso Rueda, informou hoxe desta innovadora medida, dotada cun millón de euros, para “acceder a estas profesións para as que fan falta unas actitudes e unha titulación”

Cóbrense os gastos de obtención do certificado de aptitude profesional e dos permisos de condución das clases C e D

O obxectivo é mellorar a empregabilidade dun sector da poboación, ademais de contribuír a paliar a escaseza de condutores para determinados vehículos

Santiago de Compostela, 4 de agosto de 2025

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou hoxe sobre a convocatoria dunha nova orde de axudas dotada cun millón de euros para a obtención do certificado de aptitude profesional acreditativo da cualificación inicial e na modalidade ampliación ou promoción, así como dos permisos de condución das clases C e D.

Rueda, que lembrou que a Xunta xa conta con axudas específicas para que os menores de 30 anos saquen o carné de conducir de coche ou de moto, sinalou que “queremos ampliar para que as persoas que decidan dedicarse ao transporte de xeito profesional poidan ter axudas”, e así “acceder a estas profesións para as que fan falta unhas actitudades e unha titulación” nun dos sectores “nos que se están producindo máis vacantes”.

A iniciativa anunciada hoxe, que se pon en marcha por primeira vez, establecerá dúas liñas co obxectivo facilitar a incorporación de condutores profesionais ao mercado laboral. Segundo subliñou Rueda, búscase así dar resposta á necesidade de profesionais do sector do transporte de mercadorías e do transporte de viaxeiros por estrada, debido á carencia de persoal que cumpra cos requisitos legais exixidos para o desenvolvemento da condución de determinados vehículos.

A orde incluirá dúas liñas. Unha delas destinarase a subvencionar os cursos realizados coa cualificación de apto para a obtención do certificado de aptitude profesional acreditativo da cualificación inicial ou de ‘ampliación ou promoción’, para o exercicio da actividade de condutor profesional de determinados vehículos destinados ao transporte de mercadorías ou de viaxeiros por estrada. A outra liña subvencionará a obtención dos permisos de condución das clases C, C1, C1+E, C+E, D, D1, D1+E.

O importe máximo que percibirá cada persoa será de 1.200 euros, tanto para a obtención do permiso de condución das clases C, C1, C+E, D, D1, D1+E e/ou D+E como para a do certificado de aptitude profesional (CAP). Na modalidade de ‘ampliación ou promoción’ a contía máxima será de 300 euros. En todo caso, a axuda non pode exceder o total aboado polo alumnado nin superar os 3.900 euros no caso de percibir axudas a través das dúas liñas.

A medida vai dirixida a persoas maiores de 18 anos e empadroadas en Galicia. Deberán ter aboados os custos dos cursos, da matrícula e das clases de condución. Os cursos para a obtención do certificado de aptitude profesional e dos permisos de conducir das clases C ou D teñen que realizarse en Galicia, a través das empresas autorizadas como centros de formación CAP ou autoescolas.

A previsión é publicar a nova orde de axudas no Diario Oficial de Galicia (DOG) o 13 de agosto. O prazo de presentación de solicitudes de axuda comezará o 1 de outubro de 2025 e finalizará o 30 de outubro de 2025, ou cando se esgoten os fondos. A través da medida cubriranse os gastos subvencionables realizados do 30 de outubro de 2024 ao 30 de outubro de 2025.

Pola súa banda, as empresas que queiran adherirse como entidades colaboradoras disporán dun mes para facelo a partir da publicación da orde de axudas no DOG. Constarán como tal na páxina web da Dirección Xeral de Mobilidade e as solicitudes de axudas xestionaranse a través delas.

Co lanzamento desta nova convocatoria, a Xunta quere mellorar as posibilidades de empregabilidade dun sector da poboación, ampliando as súas competencias e o seu currículo, como elemento de profesionalización, e promover a súa incorporación ao mercado laboral. De xeito simultáneo, inténtase paliar a escaseza de condutores profesionais, problema xeneralizado nas empresas de loxística da Unión Europea.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/08/2025