A Xunta destina preto de 400.000 € a creación de 79 proxectos liderados pola mocidade co programa ‘Iniciativa Xove’

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude favorece con estas axudas que persoas mozas fomenten a participación en actividades concibidas por elas mesmas

As accións están vencelladas co emprendemento, a prevención de condutas de risco, propiciar hábitos saudables, dinamizar o rural e a lingua galega, entre outras

O Goberno galego ten destinado preto de 7,5 M€ a apoiar máis de 1.800 destas iniciativas impulsadas pola rapazada, desde a súa posta en marcha en 2010

Santiago de Compostela, 8  de agosto de 2025

A Xunta vai destinar preto de 400.000 euros á posta en marcha de 79 proxectos liderados pola mocidade de entre 18 e 30 anos. Así se recolle no Diario Oficial de Galicia que acaba de publicar a resolución das subvencións deste ano do programa Iniciativa Xove que apoiará as iniciativas 69 asociacións xuvenís e de 10 grupos informais.

Con este programa, a Xunta impulsa a participación da mocidade en proxectos propios, destinado a apoiar actividades concibidas polos mozos e mozas nas que participen de forma activa e directa, facilitando así que sexan eles os que asuman a execución e a administración dos recursos. Deste xeito, desde o Goberno galego, apóstase de novo por  esta liña de apoio, desenvolvida entre 2010 e 2023, que ten por obxectivo fomentar propostas xuvenís que estean lideradas pola propia mocidade a través da participación tanto na súa planificación como no seu desenvolvemento.

Trátase dunha iniciativa dirixida a asociacións xuvenís, a entidades prestadoras de servizos á xuventude e as súas respectivas federacións, e tamén a grupos informais compostos por un mínimo de cinco persoas e un máximo de oito, que queiran realizar algunha das accións recollidas para a subvención e estean empadroadas nalgún municipio da Comunidade. Neste senso, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude amosa o seu compromiso coa educación non formal e de calidade como instrumento para estimular a implicación da xente moza na vida pública e potenciando o seu talento e as súas ideas.

Ademais, como novidades deste ano, dáselle unha especial valoración ás iniciativas que teñan unha vocación de permanencia no tempo de cara a favorecer a empregabilidade, o emprendemento e o cooperativismo, así como tamén se outorga un recoñecemento conmemorativo do programa aos tres proxectos con maiores puntuacións.

Proxectos subvencionados

Os proxectos beneficiarios, desenvólvense en territorio galego, e tratan sobre varias áreas de actuación como é a promoción de hábitos saudables e prevención de condutas de risco ou violentas entre a poboación xuvenil; a sensibilización e loita contra calquera forma de discriminación, en especial contra a violencia de xénero, e o fomento da inclusión social e laboral e da accesibilidade da mocidade pertencente a colectivos vulnerables. Tamén abrangue propostas que impulsen actitudes creativas e innovadoras da xuventude na súa contorna, e as que teñan que ver co ámbito do emprendemento e a empregabilidade, facendo fincapé na promoción de sectores emerxentes vinculados coas tecnoloxías da información e a comunicación.

Ademais, inclúense iniciativas relacionadas coa participación e o empoderamento das mulleres, a promoción do benestar emocional e outras que potencian actitudes e hábitos sustentables e de concienciación sobre o cambio climático, así como a posta en valor do patrimonio cultural e natural e, especialmente, do Camiño de Santiago e o fenómeno xacobeo. A transmisión dos oficios tradicionais galegos, o desenvolvemento do medio rural e a dinamización da lingua galega entre a mocidade son outras das cuestións que se destacan no marco destes proxectos.

Desde a posta en marcha en 2010 de Iniciativa Xove, a Xunta de Galicia destinou preto de 7,5 millóns de euros a este programa, un investimento que permitiu financiar máis de 1.840 proxectos promovidos polos mozos e mozas a través de asociacións, entidades xuvenís e grupos informais.

Data de actualización: 08/08/2025