Medio Rural informa da situación dos lumes forestais con datos recollidos ata as 09.00 h. de hoxe
Están activos un incendio en Maceda-Castro de Escuadro, no que foi preciso decretar a Situación 2 de madrugada pola súa proximidade ao núcleo da Teixeira (máis de 20 ha) e o lume de Chandrexa de Queixa-Requeixo (800 ha)
Está estabilizado o lume da Fonsagrada-Monteseiro (150)
Están controlados os incendios de Padrenda-Padrenda (40 ha), Ponteceso-Corme Aldea (60 ha) e Ponteceso-Brantuas (200 ha)
Santiago de Compostela, 10 de agosto de 2025
A Consellería do Medio Rural informa da situación dos incendios forestais rexistrados en Galicia con datos recollidos ata as 09.00 horas de hoxe domingo.
A CORUÑA
Controlado Ponteceso-Corme Aldea
Continúa controlado dende as 23.52 do mércores o incendio forestal da localidade coruñesa de Ponteceso, parroquia de Corme Aldea, no que se desactivou a Situación 2 na tarde do mércores. O lume iniciouse ás 14.12 horas do martes e, segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie de 60 hectáreas.
Ata o momento, para a súa extinción mobilizáronse 7 técnicos, 26 axentes, 35 brigadas, 27 motobombas, 4 pas, 3 unidades técnicas de apoio, 3 helicópteros e 4 avións. Ademais, participaron nos labores de extinción efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).
Controlado Ponteceso-Brantuas
Permanece tamén controlado desde as 19.13 horas do mércores outro incendio neste mesmo concello de Ponteceso, parroquia de Brantuas, que segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de arredor de 200 hectáreas. O lume comezou ás 20.30 horas do sábado 2 de agosto e, polo de agora, mobilizáronse para a súa extinción 5 técnicos, 26 axentes, 29 brigadas, 22 motobombas, 2 pas, 4 unidades técnicas de apoio, 3 helicópteros e 11 avións.
LUGO
Estabilizado A Fonsagrada-Monteseiro
Segue estabilizado desde as 12.45 horas de onte sábado o incendio forestal do concello lucense da Fonsagrada, parroquia de Monteseiro, que se iniciou ás 15.30 horas do martes e que, segundo as últimas estimacións, afecta arredor de 150 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse, ata o momento, 6 técnicos, 52 axentes, 69 brigadas, 73 motobombas, 3 pas, 7 helicópteros e 8 avións.
OURENSE
Activo Maceda-Castro de Escuadro. Situación 2
Desde as 23.19 horas de onte sábado está activo un incendio no concello de Maceda, parroquia de Castro de Escuadro, que se iniciou en entre cinco e seis puntos case simultáneos -o que apunta cara unha clara intencionalidade- e no que foi preciso decretar a Situación 2 esta madrugada pola súa proximidade ao núcleo da Teixeira, malia que neste intre xa non hai risco para as vivendas. Para a súa extinción mobilizáronse polo de agora 2 técnicos, 8 axentes, 11 brigadas, 9 motobombas e 2 pas.
Activo Chandrexa de Queixa-Requeixo
Continúa activo desde as 15.51 horas do venres un incendio forestal no concello de Chandrexa de Queixa, parroquia de Requeixo, que segundo as últimas estimacións provisionais afecta arredor de 800 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse, ata o momento, 10 técnicos, 32 axentes, 51 brigadas, 26 motobombas, 5 pas, 2 unidades técnicas de apoio, 11 helicópteros e 10 avións.
Controlado Padrenda-Padrenda
Quedou controlado, desde as 22.03 horas de onte, o lume que afecta o concello de Padrenda, parroquia homónima, que segundo as últimas estimacións provisionais rolda as 40 hectáreas. Para a súa extinción, mobilizáronse polo de agora 6 axentes, 19 brigadas, 7 motobombas, 1 pa, 2 helicópteros e 2 avións.
A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais que acadan as 20 hectáreas poderá ser consultada na conta aberta de X (antigo twitter): @incendios085.