Lorenzana lembra que as empresas poden solicitar ata o 30 de setembro as axudas 'Galicia Exporta' destinadas a impulsar a internacionalización

A conselleira de Economía e Industria visitou as instalacións do Grupo Internaco, beneficiario deste programa

Explica que no 2025 a Xunta destina un total de 8,3 millóns de euros a esta liña de apoios pensada para axudar a pemes e autónomos

Destaca que o obxectivo do Goberno galego é seguir impulsando a internacionalización da economía, mellorar a competitividade das empresas e xerar riqueza

 

Ordes (A Coruña), 12 de agosto de 2025

As empresas poden solicitar ata o 30 de setembro as axudas Galicia Exporta destinadas a impulsar a internacionalización do tecido produtivo da Comunidade galega. Así o lembrou en Ordes a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, durante a visita á instalacións do Grupo Internaco, especialista no coidado de espazos naturais, ferraxaría e bricolaxe, e que foi beneficiaria destes apoios postos en marcha polo Goberno galego para axudar a pemes e autónomos galegos.

Neste marco, explicou que no 2025 a Xunta destina a esta liña de axudas uns 8,3 millóns de euros e que ata o momento xa hai contabilizadas máis de 200 solicitudes de empresas, polo tanto “animamos ao noso tecido produtivo a presentarse”, dixo.

En concreto, os apoios buscan incentivar a realización de accións de promoción exterior que xeren vantaxes competitivas para as empresas galegas. As axudas, que se conceden en réxime de concorrencia non competitiva, están dirixidas a pemes e autónomos que conten cun centro de traballo en Galicia e que estean integrados en programas avanzados de apoio á internacionalización do Igape.

As actuacións subvencionables inclúen a participación como expositores en feiras e eventos internacionais -presenciais ou virtuais-, campañas de márketing e comunicación en mercados exteriores, accións de prospección e análise de novos mercados, iniciativas de operatividade para facilitar a entrada nos mercados internacionais e, como principal novidade este ano, accións de dixitalización para a internacionalización.

Finalmente, a conselleira subliñou que o obxectivo da Xunta é seguir impulsando a internacionalización da economía galega, tanto para incrementar a presenza das nosas empresas no mercado exterior como para incentivar a captación de investimentos cara a Galicia. “Queremos mellorar a competitividade do noso tecido empresarial e xerar riqueza”, apuntou.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/08/2025