A Xunta licita a redacción do proxecto de execución e dirección de obra da reforma da área de reprodución asistida no Hospital Meixoeiro de Vigo

O importe da licitación supera os 238.000 euros

As empresas interesadas teñen de prazo ata o 3 de setembro para presentar as súas ofertas

Santiago de Compostela, 12 de agosto de 2025

A Xunta publica, no Portal de Contratos Públicos, por medio da Consellería de Sanidade, a contratación dos servizos de redacción do proxecto básico e de execución e dirección de obra da reforma da área de reprodución asistida no Hospital Meixoeiro en Vigo, por un importe de 238.244 euros.

As empresas interesadas nesta licitación teñen de prazo ata o tres de setembro para presentar as súas ofertas.

Esta contratación responde á necesidade de dar unha correcta cobertura sanitaria á poboación de referencia da área sur de Galicia, coa reforma da área de reprodución asistida no Hospital Meixoeiro, adaptando os espazos deste centro da rede sanitaria pública galega, coa finalidade de desenvolver o Plan galego de reprodución humana asistida.

Mediante estas obras dáse cumprimento ao plan funcional aprobado pola Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde.

A proposta arquitectónica deberá conter unha memoria explicativa sobre a concepción e os aspectos máis destacables do deseño arquitectónico proposto, incluíndo unha xustificación do cumprimento do programa de espazos e explicar a adecuación final dos mesmos ás necesidades sanitarias definidas no plan funcional.

Así mesmo, deberá contar coa programación das etapas de execución das obras previstas, indicando expresamente o tempo estimado de execución de cada unha delas.

Xunto ao anterior, terá a formulación construtiva e de instalacións cos esquemas e detalles necesarios para describir a solución proposta.

Plan funcional

A Unidade de Reprodución Humana Asistida está situada actualmente no Centro Integral de Saúde Taboada Leal, e na súa actividade están directamente implicadas catro especialidades médicas: xinecoloxía e obstetricia, anestesioloxía e reanimación, análises clínicas e uroloxía. O seu traslado ao Hospital Meixoeiro permitirá a introdución de novas técnicas ao contar cunha maior dispoñibilidade de salas.

En consecuencia, o traslado mellorará a xestión do persoal e das probas das pacientes así como os circuítos asistenciais e posibilitará un incremento da actividade anual. Tamén mellorarase a docencia dos estudantes de medicina e enfermería e a docencia MIR, ademais da formación continuada do persoal.

Xunto ao anterior, mellorarase a coordinación con outros servizos e unidades do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo, posibilitando, así mesmo, recuperar espazos para o CIS Taboada Leal.

No Plan funcional da reforma da área de reprodución asistida figuran, na segunda planta da ala 2 do Meixoeiro, nunha superficie de máis de 430 m2, cinco consultas de xinecoloxía con baño incluído, dúas de anestexioloxía, tres de enfermería, un despacho para psicoloxía, outro para información de pacientes, sala de espera con capacidade para pacientes e acompañantes, sala de reunións, etc.

Na planta 1 irá a zona de laboratorios e quirófano, cun total de 465 m2, nos que se emprazarán o laboratorio de androloxía, o de embrioloxía, o de cribobioloxía, dúas áreas de traballo, tres consultas, sala para extracción de mostras, sala para biopsias embrionarias, quirófanos co antequirófano, postos administrativos, entre outras dependencias.

A zona de quirófanos contará co soporte da Unidade de Cirurxía Maior Ambulatoria para a circulación de pacientes que requiran captacións ou procedementos baixo anestesia, para o cal é necesario unha actuación integral na UCMA, que contará con zona para 15 camas, sala de información para pacientes, despachos para os profesionais, etc., nun espazo de máis de 450 m2.

Data de actualización: 12/08/2025