O Centro de Fabricación de Terapias Avanzadas intégrase no consorcio CERTERA, a plataforma do Instituto de Saúde Carlos III para liderar a produción de terapias avanzadas

A Consellería de Sanidade vén de coñecer a resolución definitiva do Instituto de Saúde Carlos III pola que recoñece o Centro de Fabricación de Terapias Avanzadas de Galicia como socio desta infraestrutura científico-técnica en rede que forma parte do PERTE de Saúde de Vangarda

A integración neste Consorcio, que terá unha duración de dous anos, supón un financiamento superior a un millón de euros destinados a instalacións, equipamento, tecnoloxía e persoal de nova incorporación

Na actualidade, o centro continúa a súa actividade á espera de recibir a autorización para a fabricación de fármacos CAR-T por parte da Axencia Española de Medicamentos e Produtos Sanitarios

Situado á vangarda dos tratamentos máis innovadores e disruptivos contra o cancro polos que aposta o Goberno galego, este centro producirá “soldados biolóxicos” que combaterán a enfermidade desde as propias células dos pacientes

 

Santiago de Compostela, 13 de agosto de 2025

O Centro de Fabricación de Terapias Avanzadas (CAR-T) de Galicia, pasa a formar parte do Consorcio CERTERA (Consorcio Estatal en Rede para o Desenvolvemento de Medicamentos de Terapias Avanzadas). Trátase dunha plataforma impulsada polo Instituto de Saúde Carlos III, dentro do PERTE de Saúde de Vangarda, para liderar a produción deste tipo de fármacos a través dunha infraestrutura científico-técnica de I+D+i capaz de reunir, coordinar e amplificar as capacidades xa existentes dentro do Sistema Español de Ciencia, Tecnoloxía e Innovación en materia de terapias avanzadas.

Formar parte desta infraestrutura con outros centros nacionais de primeiro nivel, supón adquirir a capacidade inmediata de producir terapias avanzadas, indo máis alá da investigación, e situar a Galicia máis preto do desenvolvemento industrial destes medicamentos e, deste xeito, máis preto das necesidades reais do paciente.

Así mesmo, a plataforma proporciónalles aos investigadores académicos excelencia na produción, soporte regulatorio e orientación cara aos principais retos da sociedade.

O consorcio CERTERA, que aporta máis dun millón de euros durante dous anos ao centro galego, supón a expansión da capacidade de produción das entidades socias con investimento propio dirixido a equipamentos, mellora e optimización das instalacións, tecnoloxía TIC de última xeración e persoal de nova incorporación.

Alto impacto clínico na loita contra o cancro

Esas terapias avanzadas con células CAR-T, tamén coñecidas como terapias de linfocitos, consisten en modificar xeneticamente as células inmunes dos pacientes para que poidan combater as células tumorais. Trátase de medicamentos de alto impacto clínico e asistencial que, nalgúns casos, acadan unhas taxas de resposta do 80%.

Estas novas terapias vanse aplicar coa máxima seguridade e, por iso, Sanidade está na fase de supervisión e control, para ter a garantía de que se cumpren todos os requisitos de calidade.

Na actualidade, o Centro de Terapias Avanzadas continúa a súa actividade en probas á espera de obter a autorización da Axencia Española de Medicamentos e Produtos Sanitarios.

Vontade de colaboración

Cómpre remarcar o traballo enorme detrás deste proxecto, que é unha das grandes apostas da Xunta de Galicia, e na que xa se investiron máis de tres millóns de euros para a dotación de recursos humanos, técnicos e tecnolóxicos de primeiro nivel.

O feito de que Galicia conte con este centro supón que a nosa comunidade é un referente tanto na produción como na investigación destes tratamentos, unha realidade na que é imprescindible a colaboración de todas as entidades implicadas, a Xunta, as universidades e os institutos de investigación sanitaria.

Data de actualización: 13/08/2025