A conselleira de Medio Rural achegouse ata o parque acuático do Pereiro de Aguiar, onde a rapazada goza de actividades mentres chegan os familiares para recollelos
A Xunta recibe os nenos e monitores que foron trasladados do campamento de Manzaneda a raíz do incendio forestal de Chandrexa de Queixa
A conselleira do Medio Rural explicou que a decisión de confinar o campamento tomouse en base a criterios técnicos, que determinaron que era máis convinte e seguro manter ás persoas na zona antes que evacualas
Os rapaces permanecerán esta xornada neste complexo deportivo, onde as familias poderán pasar a recollelos durante o día
Salienta o “magnífico traballo” realizado polos servizos de emerxencias que “garantiu a seguridade da cativada e do persoal do complexo en todo momento”
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, desprazouse esta mañá á Estación de Manzaneda para realizar unha primeira inspección dos danos ocasionados polo lume, que non foron de moita gravidade
O Pereiro de Aguiar (Ourense), 13 de agosto de 2025
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo; e pola directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, recibiu hoxe no parque acuático do Pereiro de Aguiar aos nenos que estiveron confinados no campamento da Estación de Montaña de Manzaneda a causa dos incendios forestais.
Este confinamento decretouse onte pola tarde por mor do lume do concello ourensán de Chandrexa de Queixa, parroquia de Parafita, que segundo as últimas estimacións provisionais afecta unha superficie de 1.500 hectáreas, parte delas no concello limítrofe de Manzaneda. Esta decisión, que afectou a 170 persoas, incluíndo nenos e monitores, tomouse en base a criterios técnicos, que determinaron que era máis convinte e seguro manter ás persoas no campamento antes que evacualas. A este respecto, salientou o “magnífico traballo” realizado polos servizos de emerxencias, “que permitiu garantir súa seguridade en todo momento”.
Todas as persoas que estaban no complexo de Manzaneda foron trasladadas a primeira hora da mañá en autobuses, escoltados por un operativo de seguridade. A rapazada do campamento está, neste intre, no parque acuático do Pereiro de Aguiar, onde está a gozar das actividades que ofrecen estas instalacións mentres van chegando as súas familias para recollelos. María José Gómez quixo felicitar o “comportamento exemplar” da rapazada, dos monitores e do persoal do campamento de Manzaneda, que deberon pasar a noite nestas instalacións “para evitar calquera tipo de risco innecesario”. Por estes motivos, tamén agradeceu a “total comprensión” amosada polas familias, “coas que se estivo en contacto e informando dun xeito constante”.
Avaliación dos danos ocasionados
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, desprazouse esta mañá á Estación de Manzaneda, e acompañado polo director da Estación, Víctor Picos, realizaron unha primeira inspección dos danos ocasionados polo lume, constatando que, á falta doutra supervisión técnica máis rigorosa, estes non foron de moita gravidade e non afectan, con carácter xeral, á prestación de servizos das instalacións. No obstante, parte do cableado da instalación eléctrica foi calcinado e a contorna tamén sufriu danos, concretamente a tirolina e parte do circuito Bike Park.
A Estación permanecerá pechada esta fin de semana e confíase en reanudar a tempada de campamentos de verán o antes posible. En canto á reparación dos danos, tamén se acometerán o antes posible para que a tempada de inverno se desenvolva con total normalidade.