A Xunta destina 12 M€ para desenvolver iniciativas de I+D+i entre centros de coñecemento e empresas
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria destas axudas, coa que se prevé mobilizar 30 M€, e que se poderán solicitar ata o 22 de setembro
Esta liña, que forma parte do programa Activa I+G+i dotado con 53 M€, apoia distintas fases para creación de novas iniciativas e consolidación das xa existentes
Santiago de Compostela, 18 de agosto de 2025
O Goberno autonómico publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a convocatoria Unidades mixtas de investigación a que se destinarán 12 M€ tanto para crear novas iniciativas como para consolidar outras xa existentes na actualidade. A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP prevé mobilizar 30 M€ con esta liña de axudas que se poderán solicitar ata o 22 de setembro.
Con este investimento, a Xunta promove o desenvolvemento de iniciativas colaborativas entre centros de coñecemento galegos e empresas. Con este fin, poderán beneficiarse destas subvencións as agrupacións entre un organismo de investigación de Galicia (centros tecnolóxicos e de innovación, universidades públicas galegas, os centros do Consello Superior de Investigación Científicas radicados en Galicia, as fundacións públicas de investigación sanitaria galegas e outros organismos de investigación) e unha ou varias empresas. Entre as novidades deste ano destaca que a agrupación que se presente á convocatoria debe contar polo menos cunha pequena ou mediana empresa.
En particular, apóianse tres fases para incidir en distintas etapas dos proxectos interesados na convocatoria: creación de novas unidades mixtas, consolidación das creadas en 2020 e 2022 e creación e consolidación de centros mixtos de investigación
Desde a posta en marcha desta iniciativa no ano 2014, o programa apoiou un total de 54 Unidades mixtas (39 novas, 12 de consolidación e tres centros mixtos de investigación) nas que participaron 39 empresas e 14 centros de coñecemento galegos. A través deste programa deuse emprego a preto de 830 profesionais e mobilizáronse máis de 152 M€.
Persoal, equipamentos, patentes...
As actividades subvencionables nesta convocatoria son a investigación industrial e o desenvolvemento experimental, buscando a conexión efectiva entre o coñecemento, a tecnoloxía e os sectores produtivos, e promovendo así un modelo de I+D+i baseado na colaboración activa e no fortalecemento das cadeas de valor. Deste xeito, entre os custos cubertos para estas actividades están o gasto en persoal, o equipamento de nova adquisición, adquisición de patentes ou custos de subcontratación, entre outros.
Coa convocatoria da oitava edición das Unidades mixtas de investigación, o departamento de Ciencia da Xunta de Galicia busca estimular ás empresas para que realicen na Comunidade actividades de I+D+i a través da colaboración entre empresas e centros de coñecemento, impulsando así o ecosistema de investigación galego.
Activa I+G+i
Esta liña de axudas enmárcase no programa Activa I+G+i de apoio á colaboración entre empresas e á transferencia efectiva de resultados, ao que a Xunta destina case 53 M€ a través de catro grandes convocatorias: Nexos (28 M€), Unidades Mixtas de Investigación (12 M€), Fortalecemento de centros tecnolóxicos (9,75 M€) e Recuperación da excelencia Neotec (3 M€). Con este investimento, agárdase unha mobilización de máis de 100 M€.
A través destas axudas, enmarcadas no Plan galego de investigación e innovación 2025-2027 e cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa Galicia Feder 2021-2027, a Consellería pon o foco nas pequenas empresas para potenciar unha I+D+i colaborativa e impulsar a transferencia de coñecemento para mellorar a vida da cidadanía.