A Xunta lanza unha nova convocatoria para a mellora dos espazos termais de uso lúdico de Galicia

Dirixida ás entidades locais, cubrirá un máximo de 200.000 euros por solicitude para proxectos que melloren a accesibilidade, a seguridade, a sinaléctica ou os peches perimetrais destas instalacións, entre outras actuacións

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe as bases da terceira edición deste programa de axudas que abrirá o prazo de presentación de solicitudes o vindeiro 11 de setembro

Santiago de Compostela, 21 de agosto de 2025

A Xunta de Galicia vai por en marcha a terceira edición do programa de axudas para a mellora dos espazos termais de uso lúdico da Comunidade galega. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe as bases da nova convocatoria de carácter plurianual (2025 e 2026) para a que o Goberno galego reserva unha partida de 750.000 euros.

As axudas, de concorrencia non competitiva, estas dirixidas as entidades locais galegas que conten co título habilitante para o aproveitamento lúdico das augas termais. O prazo de solicitude abrirá o vindeiro 11 de setembro e entre as actuacións subvencionables están a adquisición e instalación de caudalímetros, sistemas de bombeo ou equipos de medición; colocación de sinalética; obras de acometida e canalización de augas; melloras de espazos verdes, instalacións de lecer e das condicións de accesibilidade e seguridade; así como actuacións en vestiarios, duchas e aseos e mesmo en peches perimetrais.

O obxectivo deste programa de apoios pasa por fomentar a actividade termal mediante a realización de actuacións encamiñadas ao acondicionamento destas instalacións, polo que a intensidade de axuda manterase no 80% e o importe máximo nos 200.000 euros. Cómpre lembrar que o sector termal constitúe un auténtico revulsivo para a dinamización económica dos concellos galegos que contan con este tipo de recursos ademais dun incentivo para o turismo local.

Galicia foi pioneira en España coa Lei de aproveitamento lúdico de augas termais, aprobada no ano 2019, ao impulsar un crecemento ordenado e seguro deste sector, tendo en conta que nos últimos anos a demanda deste tipo de turismo xerou a proliferación de proxectos turísticos relacionados con augas termais con finalidade lúdica e a configuración dun novo mapa termal en Galicia.

Data de actualización: 21/08/2025