A Xunta reforza os vencellos coa mocidade galega do exterior a través dunha nova edición do programa ‘Conecta co voluntariado en Galicia’

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, recibiu hoxe no aeroporto de Santiago a un grupo de participantes na presente convocatoria, que desenvolverán accións culturais e ambientais na ría de Arousa e o castro de Viladonga

A iniciativa permite aos mozos e mozas da diáspora reencontrarse coas súas raíces ao tempo que contribúe de maneira activa á protección do patrimonio natural e cultural

Santiago de Compostela, 26 de agosto de 2025

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, recibiu hoxe no aeroporto Rosalía de Castro a un grupo de participantes na nova edición do programa Conecta co Voluntariado en Galicia 2025. A iniciativa, que conta coa colaboración da Dirección Xeral de Xuventude e da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, ten como obxectivo reforzar os vínculos da mocidade galega no exterior a través da participación en actividades culturais e medioambientais.

Nesta convocatoria, a Xunta ofreceu un total de 50 prazas, das que 40 se reservaron para galegos e galegas residentes no exterior e 10 para mozos e mozas que viven en Galicia, co propósito de favorecer a convivencia, o intercambio de experiencias e a creación de redes entre ambas realidades.

O programa desenvolverase entre o 26 de agosto e o 6 de setembro en dúas modalidades: un campo de voluntariado ambiental na ría de Arousa (Pontevedra), centrado na conservación do espazo mariño e costeiro, e un campo de voluntariado cultural no castro de Viladonga (Castro de Rei, Lugo), onde os participantes colaborarán co equipo de escavación e conservación deste emblemático xacemento.

Miranda subliñou que “estes mozos chegan como voluntarios, pero tamén como embaixadores da nosa cultura, porque cada paso que dean aquí será tamén unha semente de Galicia alí onde viven”.

Con esta iniciativa, a Xunta de Galicia consolida un programa que, ano tras ano, permite á mocidade da diáspora reencontrarse coas súas raíces ao tempo que contribúe de maneira activa á protección do patrimonio natural e cultural galego.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/08/2025