A Xunta inicia a construción do novo colexio do Milladoiro para atender o incremento do alumnado
Os conselleiros de Educación e Vivenda visitan en Ames a parcela para dar conta do inicio das obras, que arrancan esta semana cun prazo de execución de 18 meses
É o primeiro centro construído de xeito íntegro en base ao Plan de nova arquitectura pedagóxica, o novo modelo do Goberno galego para o ensino do século XXI
O Executivo autonómico constrúe tres centros e amplía outros 48 en toda Galicia, creando novos espazos onde a demanda de prazas se incrementa
Ames (A Coruña), 26 de agosto de 2025
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, e a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, anunciaron hoxe o inicio da construción do novo Colexio do Milladoiro, en Ames, que terá un prazo de execución de 18 meses coa previsión de abrir as súas portas no curso 2027/28. A Xunta investirá máis de 11,6 M€ neste proxecto adxudicado á empresa Puentes y Calzadas Infraestructuras S.L.U., que comezará as obras esta semana logo de asinar este martes a acta de replanteo que permite o seu inicio.
O do Milladoiro será o primeiro colexio construído de xeito íntegro en base ao Plan de nova arquitectura pedagóxica, a folla de ruta coa que o Goberno galego establece un novo modelo de centros máis amplos, versátiles e respectuosos co medio ambiente para atender de xeito máis eficaz as necesidades do ensino do século XXI.
O novo centro vén dar resposta ás necesidades de escolarización do concello de Ames, un dos máis dinámicos de Galicia desde o punto de vista demográfico. Neste sentido, Román Rodríguez destacou que, ao abeiro do devandito plan, “se comezan a construír este ano tanto este colexio como o Instituto Domingo Villar de Vigo, ambos da man da Consellería de Vivenda, e xa temos proxectado un novo instituto no Pereiro de Aguiar, en Ourense”. Así mesmo, o plan inclúe a ampliación de 48 centros, das que están en execución 18.
“Malia a caída da natalidade, hai concellos nos que a demanda de prazas de escolarización continúa medrando, especialmente en veciñanzas máis novas, como é o caso de Navia, en Vigo, e en concellos que limitan coas cidades, como Ames ou O Pereiro de Aguiar”, explicou o conselleiro. “A Xunta está a dar resposta a estas situacións a través da construción e ampliación de centros, sempre co obxectivo de atender ás familias e que Galicia continúe a ter o servizo educativo de máis proximidade de toda España”, salientou.
Pola súa banda, María M. Allegue puxo en valor o compromiso da Xunta para dotar de todos os servizos necesarios, neste municipio, coa poboación máis nova da comunidade e onde o número de veciños segue medrando. Así, a conselleira destacou tamén a aposta do Goberno galego por facilitar o acceso á vivenda á veciñanza de Ames, onde xa está en marcha a contratación da redacción do proxecto de 78 vivendas de promoción pública na rúa de Agriños, nunha parcela cedida polo Concello de Ames. A previsión de Xunta é que se constrúan no municipio máis de 200 vivendas, cun investimento estimado de preto de 41 M€.
Flexibilidade e adaptación á paisaxe
O colexio funcionará con espazos polivalentes, flexibles e adaptados ao ensino do século XXI, dando ademais prioridade a unha arquitectura de volumes baixos e adaptados á paisaxe, con boa iluminación natural e en contacto visual cos espazos exteriores de patio e xardín. Isto inaugura un novo tipo de construción de centros escolares en Galicia.
Cunha superficie construída de 4.886 m² separada en dous andares, a distribución do centro separará os espazos de usos colectivos ou de maior concorrencia dos espazos para a docencia, de tal forma que os primeiros se situarán máis preto das zonas exteriores, no sector norte, mentres que os segundos se agruparán no sector sur.
O colexio contará con seis aulas de Infantil e 12 de Primaria, cos aseos correspondentes, así como outras catro de apoio e desdobre de grupos, aula de música e sala de usos múltiples, ademais dun Polo Creativo. Estará dotado dun foro multifuncional que servirá como lugar de aprendizaxe aberto e que se situará no espazo central do primeiro andar, creando unha relación entre as diferentes estancias e conectándose co patio mediante unha gran fiestra protexida da incidencia do sol.
Espazos exteriores e ximnasio
A biblioteca terá acceso directo desde o vestíbulo e desde o exterior e o ximnasio terá dúas alturas, gradas e vestiarios. Tamén estará dotado con área de administración (despachos, conserxería, local para a anpa, etc) comedor e zonas de servizos comúns.
No que atinxe aos 1.974 m² de espazos exteriores, estarán repartidos entre zona cuberta e descuberta para as aulas de Infantil e pista polideportiva cuberta e descuberta.
A accesibilidade do edificio formúlase desde un punto de vista universal e inclusivo, evitando calquera tipo de barreira, con accesos directos tanto desde o interior como desde o exterior do edificio a boa parte das estancias e itinerarios de circulación intuitivos e libres de obstáculos. Ademais de sinalética de gran tamaño e cor facilmente visible, tanto no exterior do edificio como nos espazos interiores haberá superficies podotáctiles que guíen ao acceso, vestíbulo e outros puntos de importancia do edificio. Os diferentes espazos exteriores serán tamén accesibles a todos mediante ramplas.