O xerente da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde, Antonio Fernández Campa, respondeu a unha pregunta no marco da Comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego do Parlamento de Galicia

A Xunta insiste na necesidade de que o Ministerio de Sanidade permita formar máis médicos de urxencias para evitar un déficit de profesionais

O Ministerio limita a seis o número de prazas MIR asignadas a Galicia nesta especialidade médica, cando a previsión inicial era de 14 residentes por ano

Galicia lamenta que a planificación do Goberno central parta dun número insuficiente de especialistas para cubrir as necesidades do sistema sanitario

A proposta do Ministerio de Sanidade tampouco permite máis dun residente por hospital e non ten definidos aínda os criterios para a creación de unidades docentes

Lamenta que as decisións do Ministerio teñan provocado a dimisión en bloque do comité de expertos que elabora as preguntas MIR

Santiago de Compostela, 4 de setembro de 2025

O xerente da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde, Antonio Fernández Campa, explicou hoxe no Parlamento os motivos polos que o Ministerio de Sanidade debe permitirlle ás comunidades autónomas convocar máis prazas de formación na especialidade médica de urxencias e emerxencias para así evitar un futuro déficit de profesionais.

No marco da Comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego do Parlamento de Galicia, o xerente da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde indicou que as comunidades descoñecen os criterios que puido empregar o Ministerio de Sanidade para establecer un número de prazas que no caso de Galicia se limitan a seis, cando  a memoria de creación da especialidade establecía unha previsión inicial de 14 prazas MIR ao ano.

“Consideramos que esta redución é moi significativa e que pode levar consigo un problema como é que a especialidade parta desde o primeiro momento cun número insuficiente de especialistas para cubrir as demandas do sistema”, lamentou o responsable de formación da Consellería de Sanidade.

Fernández Campa argumentou tamén a demanda da Xunta de que a oferta de prazas en cada comunidade estivese asociada á dispoñibilidade de unidades docentes. “A resposta do Ministerio foi inflexible e, aínda que non se chegaron a cubrir as 86 prazas previstas inicialmente a nivel nacional, non permitiu que ningunha comunidade superase o límite proposto”.

Desta forma, Galicia ofertará seis prazas en sete unidades docentes, unha por área sanitaria, e cubriranse segundo as preferencias dos futuros residentes.

O xerente da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde chamou a atención tamén na necesidade de que o Ministerio acelere os trámites para establecer os criterios definitivos para a acreditación das unidades docentes e para o programa oficial da especialidade, xa que se corre o risco de ter que anular prazas este curso polo atraso na tramitación.

Fernández Campa foi contundente á hora de sinalar cambios do Ministerio de Sanidade non sempre xustificados de forma clara. Así, produciuse a dimisión en bloque do comité de expertos que elaboraba os exames do MIR, que se teña que ampliar polo Ministerio o prazo de inscrición dos aspirantes por problemas de funcionamento na páxina web ou que se atrase, como se fixo este ano, a data de incorporación dos residentes, co que iso implica na planificación das rotacións e a actividade formativa prevista.

Galicia tamén trasladou a súa desconformidade coa decisión do Ministerio de eliminar sedes para a realización dos exames, como é o caso de Vigo, e seguirá reclamando a rectificación desta decisión unilateral e a recuperación de Vigo como sede para a realización dos exames, xunto con Santiago de Compostela.

A maior oferta MIR da historia de Galicia

Galicia presenta para o curso 2025-2026 unha oferta de formación sanitaria especializada un 3,8 % superior ao curso anterior. Con 682 prazas, incluída xa a convocatoria de urxencias e emerxencias, supón a maior oferta de formación sanitaria especializada da súa historia.

A Xunta reiterou desde hai anos a necesidade de crear esta especialidade fundamentalmente pola importancia dunha formación específica para unha actividade que supón actuacións, técnicas e procedementos de situacións que poden ser de urxencia vital e patoloxías tempo-dependentes e que precisan competencias en determinados contextos específicos, a maioría dos cales se atopan dispersos nos programas formativos doutras especialidades.

E, por outra banda, polo seu impacto directo sobre a atención primaria, dado que unha das causas que orixina o problema de ausencia de especialistas no ámbito da atención primaria é que moitos MIR de medicina familiar e comunitaria ocupaban estes postos de formación para, finalmente, deixar os centros de saúde e acceder aos Servizos de urxencias e emerxencias hospitalarias.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/09/2025