Aneiros pon en valor a oportunidade de promoción do territorio que suporá o paso da XXIII Volta Ciclista a Galicia polos concellos de Ferrolterra

A delegada territorial de Ferrol participou esta mañá na sala Curuxeiras na presentación da 4º e última etapa desta competición que terá a saída e a meta na cidade naval

A proba celebrarase o próximo domingo, 14 de setembro, e contará cun percorrido de 130 quilómetros que discorrerá polos concellos de Ferrol, Fene, Neda, Narón, San Sadurniño, Moeche, Cerdido, Cedeira e Valdoviño

Ferrol, 5 de setembro de 2025

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, participou esta mañá xunto ao alcalde da localidade, José Manuel Rey Varela, o presidente da Autoridade Portuaria Ferrol-San Cibrao, Francisco Barea, e membros da Federación Galega de Ciclismo, na presentación da 4º e última etapa da XXIII Volta Ciclista a Galicia que terá a saída e a meta na cidade naval o próximo domingo, 14 de setembro.

Aneiros destacou a “oportunidade extraordinaria” que supón para a cidade e a súa comarca acoller unha cita destas características que combina a vertente competitiva coa promoción do territorio. “É unha ocasión única de vivir unha xornada apaixonante de deporte ao máis alto nivel e de proxectar a imaxe da nosa cidade e do noso entorno como destino turístico, cultural e natural”, dixo.

A delegada territorial agradeceu o traballo da Federación Galega de Ciclismo na organización do evento e enxalzou o alto nivel que o deporte galego, e nomeadamente o ciclismo, está a acadar nos últimos anos. Ademais aproveitou a ocasión para mostrar, unha vez máis, a disposición da Xunta a seguir acompañando e fomentando o éxito do tecido deportivo da man tanto de competidores como de clubs e federacións.

A XXIII Volta Ciclista a Galicia disputarase do 11 ao 14 de setembro e reunirá a 120 corredores de preto dunha vintena de equipos galegos e doutras comunidades autónomas así como países -Portugal e Italia-. Na 4º e última etapa os participantes tomarán a saída da praza de Armas para completar un percorrido de 130 quilómetros que discorrerá polos concellos de Ferrol, Fene, Neda, Narón, San Sadurniño, Moeche, Cerdido, Cedeira e Valdoviño. A meta estará situada no peirao de Curuxeiras.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/09/2025