A Xunta ofrece bolsas para cursar un máster a titulados universitarios en desemprego
As axudas, que o curso pasado beneficiaron a 105 estudantes, poden solicitarse ata o 6 de outubro e cobren o importe das materias matriculadas ata un máximo de 60 créditos
Santiago de Compostela, 9 de setembro de 2025
A Xunta de Galicia volve apoiar un ano máis a titulados universitarios en situación de desemprego cun paquete de bolsas para que poidan matricularse nun máster oficial nas universidades da Comunidade neste curso académico. Con esta finalidade, reserva un orzamento total de 80.000 €.
A contía da axuda cubrirá o importe das materias matriculadas por primeira vez na titulación, ata un máximo de 60 créditos. Poderán solicitar estas axudas as persoas que remataran os estudos universitarios de grao antes do 30 de setembro de 2024, que estean en desemprego e que no curso 2025/26 se matriculen nun máster oficial en Galicia.
O obxectivo desta liña da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP é facilitar que as persoas poidan adquirir unha formación avanzada orientada á especialización académica ou profesional para mellorar así o seu acceso ao mercado de traballo. O curso pasado beneficiáronse destas bolsas un total de 105 universitarios galegos.
As persoas interesadas deberán presentar as solicitudes ata o vindeiro 6 de outubro por medios electrónicos a través do formulario dispoñible na sede electrónica da Xunta.
Programa de axudas ao estudo
Esta liña de apoio forma parte do Programa de bolsas e premios no ámbito educativo da Xunta de Galicia, dotado con máis de 133 M€. Composto por 48 liñas e programas de apoio específicos aos estudantes e ás súas familias, as axudas benefician a uns 421.000 alumnos e alumnas de todas as etapas desde Infantil ata FP e estudos universitarios.