A Xunta entrega na Rúa os premios da sexta campaña da iniciativa ‘Merca no teu comercio’ en Ourense co obxectivo de apoiar o consumo de proximidade

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, participou hoxe no acto que implicou, ademais da Rúa, os concellos de Vilamartín de Valdeorras, Petín e Larouco, e no que se repartiron 20 tarxetas prepago de 50 euros entre as persoas participantes

A campaña, realizada en colaboración coa Federación Galega de Comercio, continúa activa ata o 15 de setembro na Pobra de Trives, A Teixeira, Castro Caldelas, Chandrexa de Queixa, Parada de Sil e San Xoán do Río

Alén lembrou que segue aberto o prazo para optar aos Premios do Comercio Galego 2025, que contan con cinco categorías destinadas a recoñecer e visibilizar o labor dos profesionais do sector

A Rúa (Ourense), 10 de setembro de 2025

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, acompañado pola presidenta da Federación de Comercio de Ourense, Beatriz Gómez, e pola alcaldesa da Rúa, María González Albert, participou hoxe no acto de entrega dos premios da sexta edición quincenal do programa Merca no teu comercio na provincia de Ourense. Trátase dunha iniciativa impulsada pola Xunta de Galicia en colaboración coa Federación Galega de Comercio e que nesta ocasión incluíu, ademais da Rúa, os concellos de Vilamartín de Valdeorras, Petín e Larouco. Como resultado da campaña, repartíronse 20 tarxetas prepago de 50 euros entre as persoas participantes, que poderán empregalas nos establecementos locais adheridos ata o 31 de decembro.

A campaña desenvolveuse entre o 15 e o 30 de agosto, coa finalidade —incidiu Alén— de fomentar o consumo nos negocios de proximidade, poñer en valor o seu papel como motor económico e social nas vilas rurais e reforzar a súa actividade en territorios cun menor asociacionismo. Actualmente segue en marcha —ata o 15 de setembro— nos concellos de A Pobra de Trives, A Teixeira, Castro Caldelas, Chandrexa de Queixa, Parada de Sil e San Xoán do Río. A continuación, a partir do día 15, iniciarase en Maceda, Allariz e Barbadás.

Premios do Comercio Galego 2025

O director xeral lembrou tamén que os comercios interesados en presentarse aos Premios do Comercio Galego 2025 teñen de prazo ata o 26 de setembro para formalizar as súas candidaturas. Os galardóns repartiranse en cinco categorías: o Premio Comercio Galego 2025, dotado con 5.000 euros; o Premio Comercio Traxectoria 2025, con 3.000 euros; o Premio Comercio Emprende 2025, tamén con 3.000 euros; o Premio Comercio Dinamización 2025, que ascende a 5.000 euros; e o Premio Comercio Sostible 2025, cun importe de 3.000 euros.

Gabriel Alén destacou que esta convocatoria enmárcase na estratexia da Xunta para fortalecer un sector comercial moderno, competitivo e preparado para responder ás novas tendencias de consumo, ao tempo que se recoñece o seu peso como xerador de emprego e riqueza e como elemento clave para a cohesión territorial.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/09/2025