O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, acompañado pola directora xeral de Xuventude, visitou a estación de Manzaneda, unha das localizacións dos campamentos

A Xunta pecha a campaña ‘Modo Verán activo’ 2025 cunha ocupación de case o 100% e a implicación de 1200 monitores

López Campos salienta que con 11.630 prazas non só se bateu récord no número ofertado, senón de “alto interese nas actividades cun balance máis que positivo”

Gaba a “profesionalidade, temperanza e solvencia” das persoas traballadoras que “elevaron calidade e prestixio a un programa xa referente en España”

Destaca que a programación desenvolveuse, en termos xerais, con “normalidade” e cunha “elevada satisfacción da experiencia vivida” por parte dos participantes

Pobra de Trives, 30 de abril de 2025

A campaña Modo Verán activo deste ano afronta a súa recta final cunha participación “preto do cento por cento, que reflicte un alto interese e un balance máis que positivo co que, desde a Xunta, non podemos estar máis que satisfeitos”. Así o valorou hoxe o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, na visita, xunto coa directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, á estación de montaña de Manzaneda, no concello ourensán de Pobra de Trives, unha das localizacións onde se desenvolveron campamentos deste programa.

López Campos salientou “a gran participación”  na campaña deste ano, da que puxo en valor “o récord histórico” de prazas, cun total de 11.630, 7.876 delas para campamentos dirixidos a nenos e nenas de 9 a 17 anos, “que supuxeron tamén a maior oferta da súa historia”. Ao respecto, destacou que neste verán se procurou ofrecer á mocidade galega “as mellores oportunidades para o seu tempo de lecer, tanto para divertirse con iniciativas que abrangueron o lúdico, cultural e deportivo, como para seu enriquecemento persoal con actividades de formación”.

Neste senso, o representante do Goberno galego quixo ter un “recoñecemento especial” para as 1.200 persoas monitoras que durante estes tres meses “tamén estiveron dando o cento por cento da súa profesionalidade” e ofrecendo “temperanza e solvencia en todas as situacións”. Por estes motivos, considerou que, xunto co resto do equipo técnico que traballou nesta campaña, “acabaron por elevar en calidade e prestixio un programa xa referente en España".

En concreto, fixo mención especial a todo o equipo do campamento da estación de montaña de Manzaneda afectado polos incendios de agosto, dos que gabou o seu “comportamento exemplar para evitar calquera tipo de risco innecesario” e que tamén estendeu á rapazada participante.

Deste xeito, e salvo esta incidencia, o conselleiro destacou que, en termos xerais, a campaña Modo verán activo desenvolveuse con “normalidade” e cunha sensación entre todo o equipo “dunha elevada satisfacción da experiencia vivida por parte dos participantes, que espremeron todas as posibilidades dunha programación completa e variada”.

Precisamente, sobre as propostas dos campamentos, puxo o foco no “éxito de participación” que obtiveron as seis novas experiencias que se incorporaron este ano, conformadas polos campamentos Creativo artístico do albergue Monte do Gozo, en Santiago de Compostela; o Eco Camp Labrego, na Granxa Escola Bergando, en Negreira; O bosque animado, na Granxa Escola Garatuxa, en Mesía; Arte, danza urbana, tecnoloxía e natureza, na Residencia de tempo libre do Carballiño; Contos e lendas, no Colexio Guillelme Brown, no Pereiro de Aguiar, e Os segredos do universo, no Albergue xuvenil Montañas de Trevinca, na Veiga. Ademais, o campamento O sabor do verán, que repetiu este ano pero nunha nova localización, a Residencia Xuvenil Florentino López Cuevillas, en Ourense.

Minicampamentos ‘Coñece Galicia’

O máximo responsable de Xuventude do Executivo autonómico tamén subliñou o “alto interese” que espertaron os minicampamentos Coñece Galicia. Esta proposta lúdico formativa contou con 779 prazas para nenos e nenas de 9 a 12 anos, e que se desenvolveu nos espazos naturais da Comunidade cunha duración de 5 días, de luns a venres. En concreto, estiveron activos 16 programas de estadías diferentes, con aloxamentos en establecementos turísticos, “co obxectivo de favorecer as necesidades de conciliación á vez que se fomentou o coñecemento da riqueza natural e patrimonial de Galicia”.

Actividades para maiores de 18 anos

Por outra banda, o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, fixo referencia á “boa acollida” nas actividades destinadas a mocidade de entre 18 e 30 anos “conscientes da importancia de ofrecerlles propostas de calidade acordes ás súas inquedanzas”. Así, nesta franxa de idade destacaron os campos de voluntariado, cun programa que ofertou este ano máis de 600 prazas en 37 localizacións de Galicia, ás que se sumaron outras 75 noutras comunidades autónomas e 75 máis no estranxeiro.

López Campos quixo facer fincapé en que esta campaña “avogou plenamente pola integración e a inclusión, de maneira que todos os mozos e mozas tiveron a oportunidade de participar en igualdade de condicións”, contando sempre co persoal especializado.

Deste xeito, lembrou que as persoas con discapacidade contaron con tres opcións para presentar as súas solicitudes para campamentos: polo procedemento xeral, podendo escoller calquera das prazas ofertadas pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude; pola vía dun cento de prazas reservadas para inclusión, que se ofertaron en varias instalacións e das que salientou que se completaron “ao cento por cento”, ou ben a través da convocatoria de campamentos da Consellería de Política Social, con 250 prazas.

Finalmente, o conselleiro incidiu en que a campaña Modo verán activo foi froito do traballo coordinado con outros departamentos da Xunta de Galicia, o que valorou que permitiu a participación gratuíta dos fillos de vítimas de violencia de xénero nas actividades, a participación de mocidade con discapacidade e de menores en situación de garda ou tutela.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/09/2025