A Xunta apoia a ‘XXXII Feira de oportunidades Merca na rúa’ do Porriño no marco das iniciativas de dinamización dos centros comerciais abertos

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, visitou hoxe esta iniciativa do Centro Comercial Aberto Morea, promovido pola Asociación de comerciantes e industriais do Porriño (Acipor)

O Porriño (Pontevedra), 12 de setembro de 2025

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, visitou hoxe a XXIII Feira de oportunidades Merca na rúa do Porriño, organizada polo Centro Comercial Aberto Morea —promovido pola Asociación de comerciantes e industriais do Porriño (Acipor)— e apoiada pola Xunta de Galicia no marco das axudas a este tipo de entidades. Unhas axudas que beneficiaron na súa última convocatoria un total de 54 centros comerciais abertos de toda a Comunidade, cun investimento global de 2,3 millóns de euros.

O director xeral puxo de relevo o evento que estará despregado na zona peonil do Porriño entre hoxe e mañá, en horario continuado de 10,00 a 21,00 horas e con actividades infantís para completar o atractivo comercial. Referiuse tamén ás novas tarxetas agasallo Morea impulsadas no seo do comercio porriñés como un xeito máis de dinamizar os seus distintos establecementos. 

Nese senso, Alén recordou que estas campañas xogan un papel fundamental á hora de fomentar o consumo e as vendas e de reforzar o posicionamento do comercio como motor económico e social nas vilas e cidades, no marco do Plan Estratéxico do Comercio de Galicia 2025-2030.

Premios do Comercio Galego 2025

O director xeral aproveitou para lembrar tamén que os establecementos interesados en optar aos Premios do Comercio Galego 2025 poden presentar as súas candidaturas ata o próximo 26 de setembro. Poden resultar recoñecidos en cinco categorías: Premio Comercio Galego 2025, dotado con 5.000 euros; Premio Comercio Traxectoria 2025, ao que lle corresponden 3.000 euros; Premio Comercio Emprende 2025, distinguido con outros 3.000 euros; Premio Comercio Dinamización 2025, cunha contía de 5.000 euros; e Premio Comercio Sostible 2025, con 3.000 euros.

A convocatoria enmárcase na aposta da Xunta por un sector comercial forte, moderno e competitivo capaz de adaptarse ás novas tendencias e demandas dada a súa importancia como xerador de riqueza e emprego, así como vertebrador do territorio.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/09/2025