O delegado da Xunta en Ourense, visitou a sede dunha das entidades beneficiarias na última resolución destas axudas da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración
Manuel Pardo resalta os preto de 263.000 € que a Xunta destina a prol da dinamización de seis centros comerciais abertos da provincia de Ourense
O delegado explicou que a Asociación de Comerciantes Empresarios e Profesionais do Centro Comercial Aberto de Ourense, foi beneficiaria dunha achega de preto de 44.000 euros, da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración dentro das axudas para a dinamización dos centros comerciais abertos de Galicia
Manuel Pardo enmarcou esta orde de axudas no compromiso da Xunta a prol da realización de actividades de dinamización comercial que teñan como obxectivo incentivar o consumo e atraer clientes, co fin de incrementar as vendas, na liña do que promove o Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030
Ourense, 11 de agosto de 2026.
O delegado da Xunta, Manuel Pardo, achegouse esta mañá na cidade das Burgas á sede da Asociación de Comerciantes Empresarios e Profesionais do Centro Comercial Aberto de Ourense, para informar ao seu presidente, Luis Rivera, que esta entidade foi beneficiaria dunha achega de preto de 44.000 euros, ao abeiro da última resolución das axudas da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración para a dinamización dos centros comerciais abertos de Galicia.
Manuel Pardo sinalou que esta orde de achegas enmárcase no compromiso da Xunta a prol da realización de actividades de dinamización comercial que teñan como obxectivo incentivar o consumo e atraer clientes, co fin de incrementar as vendas. Deste xeito, afóndase na simplificación administrativa e introdúcense novos criterios de valoración enfocándose na formación dos comerciantes, na fidelización da clientela e na capacidade de atraer novos establecementos asociados. Tamén recalcou que como novidade deste ano subvencionaranse os servizos de ludoteca e espazos de lecer infantís
Durante a visita, o representante do Goberno galego puxo en valor o labor dos centros comerciais abertos na dinamización do sector e no apoio aos pequenos negocios, na liña do que promove o Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030. Neste marco, recordou que este plan ten como finalidade incrementar a competitividade do comercio galego apoiándose na modernización, a innovación, a sostibilidade e as novas tecnoloxías, así como consolidar o sector comercial como un sector profesional, cualificado, de calidade e fortalecido que promova o consumo responsable e desenvolva unha actividade sostible.
Entidades beneficiarias
O delegado concretou que ademais desta asociación, na provincia de Ourense foron beneficiados os centros comerciais abertos de Xinzo de Limia (preto de 25.000 euros), O Barco de Valdeorras (preto de 44.000 euros), Celanova (44.000 euros), Verín (preto de 75.000 euros) e O Carballiño (32.000 euros), co obxectivo de revitalizar o comercio local como elemento esencial para o desenvolvemento económico e social das vilas e cidades ourensás.