A Xunta pon en valor na XV Xuntanza de centros galegos do sur de España a súa unidade e o seu compromiso coa nosa cultura
O secretario xeral da Emigración asistiu hoxe ao encontro, que reuniu en Puerto de Santa María a representantes dos centros galegos de Andalucía, Estremadura e Ceuta, reforzando os lazos culturais e asociativos entre as entidades
A Xunta destaca o compromiso dos galegos fóra de Galicia para manter viva a nosa cultura e promover o vínculo coa terra de orixe
El Puerto de Santa María (Cádiz), 13 de setembro de 2025
O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, participou esta fin de semana en El Puerto de Santa María na XV Xuntanza dos centros galegos de Andalucía, Estremadura e Ceuta, onde puxo en valor “a forza e o compromiso dos galegos fóra de Galicia, que manteñen viva a nosa cultura con orgullo e responsabilidade”.
Durante o encontro, o representante autonómico destacou a capacidade dos galegos residentes nestes territorios para traballar conxuntamente e reforzar o vínculo coa terra, subliñando que “a distancia física non resta intensidade ao sentimento galego”.
A xuntanza reuniu a representantes de numerosos centros galegos do sur de España, nun espazo de convivencia e intercambio que reafirma o papel fundamental destas entidades na preservación da cultura galega. O secretario xeral sinalou que “a unión dos centros galegos nesta zona é un exemplo de colaboración eficaz, que multiplica os resultados do seu esforzo diario”.
Miranda salientou que a galeguidade en Andalucía, Estremadura e Ceuta está viva, activa e ben integrada, sen renunciar ás súas raíces. Engadiu que a longa historia de relación entre galegos e sociedades de acollida como a andaluza, cimentada no respecto mutuo, fixo posible unha convivencia enriquecedora que beneficia ambas comunidades.
Ademais, o secretario xeral reafirmou o seu compromiso de continuar apoiando os centros galegos, tanto no mantemento das actividades culturais como na promoción do contacto coa terra de orixe.
Así, o encontro serviu como espazo para fortalecer lazos, compartir proxectos e lembrar que a cultura galega, alén do territorio, segue sendo un elemento de cohesión e orgullo para miles de galegos e galegas que viven noutras partes de España.