A Xunta abre mañá luns o prazo de recepción de candidaturas dos Premios Artesanía de Galicia 2025 co obxectivo de recoñecer o talento e mestría do sector
Os galardóns dividiranse en tres categorías: o Premio Artesanía de Galicia, dotado con 9.000 euros, o Premio Traxectoria e as Bolsas Eloy Gesto, que outorgarán ata tres bolsas de 4.000 euros cada unha para investir en formación
As candidaturas poderanse presentar ata o venres 26 de setembro de 2025 de xeito exclusivamente telemático para as categorías Traxectoria e Bolsa Eloy Gesto e presencialmente no caso do Premio Artesanía de Galicia
Santiago de Compostela, 14 de setembro de 2025
A Xunta abre mañá luns o prazo de recepción de candidaturas para os Premios Artesanía de Galicia 2025, cos que busca recoñecer a creatividade, a mestría e os novos talentos do sector artesán galego.
Estes galardóns contribúen a divulgar os oficios artesanais, potenciar a creatividade dos profesionais, incentivar os novos talentos en Artesanía de Galicia, promover o relevo xeracional e apostar pola introdución da innovación e do deseño nos procesos de produción. Como en anos anteriores, dividiranse en tres categorías: o Premio Artesanía de Galicia, o Premio Traxectoria e as Bolsas Bolsa Eloy Gesto.
No caso do Premio Artesanía de Galicia 2025, dotado con 9.000 euros, está dirixido a obradoiros artesáns inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia. Premiarase a obra que represente as liñas desexadas para unha artesanía competitiva no mercado actual como son o deseño, a adaptación ou a conservación das técnicas e valores tradicionais máis característicos da nosa artesanía, a incorporación ás tendencias actuais, a innovación e a boa calidade da obra. Poderanse presentar a esta categoría todos os obradoiros artesáns inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia.
Pola súa banda, o Premio Traxectoria 2025, de carácter honorífico, será outorgado a proposta do propio sector artesanal. O obxectivo é recoñecer a traxectoria profesional consolidada dun profesional da artesanía galega, a súa contribución á posta en valor e á promoción da nosa artesanía, a calidade do seu traballo así como o seu compromiso coa divulgación e coa transmisión pedagóxica dos principais valores positivos no eido da nosa artesanía. O galardón está dirixido a artesáns en activo ou retirados que estean ou estiveran inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia e cunha actividade mínima e demostrable no sector de 20 anos. As candidaturas poderanas presentar obradoiros rexistrados, asociacións profesionais de artesáns de Galicia, entidades locais e outras entidades públicas ou privadas.
Bolsas Eloy Gesto
Finalmente, estes recoñecementos tamén fan especial fincapé na incorporación dos artesáns máis novos a través do apoio á súa formación especializada coa categoría Bolsas Eloy Gesto, que poderán premiar ata tres candidaturas e estarán dotadas de 4.000 euros cada unha para investir nun centro de formación de prestixio.
Nesta categoría, a Xunta busca potenciar a remuda xeracional no sector, o acceso de novos talentos á artesanía e a súa profesionalización. Premiaranse as candidaturas que presenten unha proposta para a súa formación nun centro formativo ou nun obradoiro artesanal de referencia no eido da artesanía e do deseño.
Valorarase o carácter innovador, a transferencia de coñecemento que se pretende acadar con esa formación, a incorporación das novas tecnoloxías, o currículo das persoas candidatas e a potencialidade de incorporación desta formación para a elaboración dun produto artesanal innovador. Tamén se terá en conta o grao de madurez, a calidade na presentación das propostas, así como a colaboración entre distintas actividades artesanais. Nesta categoría poderán participar todas as persoas artesás cunha idade máxima de 45 anos en 2025.
Como en anos anteriores, as candidaturas presentaranse de xeito exclusivamente telemático no caso das categorías Traxectoria e Bolsa Eloy Gesto, e de maneira presencial —na sede da Fundación Artesanía de Galicia, en Santiago de Compostela— no caso do Premio Artesanía de Galicia. O prazo de recepción de candidaturas remata o vindeiro venres 26 de setembro ás 14,30 h.