Medio Rural pide consenso parlamentario para sumarse ao rexeitamento de Xunta e sector ante a proposta da nova PAC da Comisión Europea
O director xeral da PAC e do Control da Cadea Alimentaria compareceu na Comisión 7ª para detallar a postura do Goberno galego nesta cuestión e reiterar a súa preocupación polo “desmantelamento” do actual modelo que supón esta proposta
O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias explicou as medidas postas en marcha pola Consellería do Medio Rural para reforzar a vixilancia e o control co fin de evitar a entrada en Galicia da dermatose nodular contaxiosa
O director xeral de Defensa do Monte subliñou que desde o ano 2014 o seu departamento destinou algo máis de 44 millóns de euros ás axudas para a prevención dos danos causados aos bosques por incendios, desastres naturais e catástrofes
Santiago de Compostela, 12 setembro de 2025
O director xeral da PAC e do Control da Cadea Alimentaria, Juan José Cerviño, sinalou hoxe que o Parlamento de Galicia debería sumarse ao rexeitamento xa amosado polo sector e pola Xunta de Galicia, ao igual que outras comunidades autónomas, fronte á nova PAC proposta pola Comisión Europea. Cerviño compareceu a petición propia na Comisión 7ª da Cámara para dar conta da posición da Consellería do Medio Rural nesta cuestión e advertiu -como xa fixo o Goberno galego en reiteradas ocasións- que esta proposta supón o desmantelamento do modelo actual da política agraria europea, nestes momentos baseado en dous piares con dous fondos diferenciados e que permite asegurar a renda dos agricultores e, ao tempo, promover o desenvolvemento rural.
Polo tanto, o director xeral denunciou que esa nova PAC xa non sería “nin política, nin agraria, nin común”. Isto é así, explicou, porque en primeiro lugar pasaría a ser un “programa” e non unha Política; en segundo termo, non será “agraria” porque competirá financiación con outras políticas da Unión e, como terceira eiva, non tería a consideración de “común” porque cada país poderá decidir que sectores primar e con que nivel de co-financiamento, incrementándose así as diferencias entre territorios.
Nesta liña, Cerviño incidiu en que “non é asumible” que, co fin de abordar novas necesidades de defensa ou migración (entre outras), se detraia orzamento de políticas europeas amplamente consolidadas ao longo do tempo e que demostraron a súa valía para apoiar o crecemento europeo e o sentimento de comunidade. Por iso, amosouse a favor de que o apoio a estas novas políticas se faga a través do incremento orzamentario da UE e non en base a minguar o financiamento de políticas xa existentes.
Neste sentido, o director xeral censurou o “severo recorte” de fondos de ata un 20 % respecto á actual PAC, acompañado dun incremento da porcentaxe de cofinanciación, algo que suporá para Galicia un impacto negativo dun 25 % en relación coa situación presente, polo que estamos a falar -alertou- dunha redución de arredor de 80 millóns de euros anuais. Asemade, Cerviño cuestionou que a proposta da Comisión contribúa “a crear un rural atractivo onde os mozos queiran vivir e non só ter unha vinculación laboral” xa que -criticou- “de nada serve incentivar a incorporación de mozos e novos activos ao agro se a vida no campo se complica ao non destinar uns fondos suficientes e específicos para promover o desenvolvemento rural”. A maiores, o director xeral lamentou que a proposta da Comisión xere incerteza xurídica no sector e que mesmo poida supoñer unha subida dos prezos dos alimentos debido ao incremento dos custos de produción e venda, que non serán compensados suficientemente a través da PAC e que acabarán sendo repercutidos ao mercado, co consecuente incremento dos prezos ao consumidor.
Dermatose nodular contaxiosa
Pola súa banda, o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, explicou, en resposta a unha pregunta sobre a materia, as diferentes medidas postas en marcha pola Consellería do Medio Rural para reforzar a vixilancia e o control co fin de evitar a entrada en Galicia da dermatose nodular contaxiosa (DNC).
Así, sinalou que, desde a primeira comunicación do Ministerio de Agricultura sobre a detección dos primeiros focos desta doenza en Italia e Francia a finais de xuño de 2025, Medio Rural informou de inmediato e periodicamente a todos os interlocutores interesados no sector bovino de Galicia. Desta forma, ademais de alertar ao sector sobre o risco de entrada desta doenza en España e na nosa comunidade, recomendáronse, entre outras medidas de bioseguridade, non realizar compras de bovinos procedentes destes países. Cómpre lembrar, en todo caso, que esta é unha enfermidade vírica que afecta especificamente ao gando bovino, pero non ás persoas, nin por contacto directo con animais infectados nin polo consumo dos seus produtos, e tampouco a través dos vectores transmisores (insectos como mosquitos, moscas e carrachas).
Prevención de incendios
Pola súa parte, o director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, agradeceu o esforzo e profesionalidade do dispositivo contra incendios forestais da Xunta pola súa actuación na vaga de lumes deste pasado mes de agosto e fixo balance das axudas para a prevención dos danos causados aos bosques por incendios, desastres naturais e catástrofes en montes veciñais en man común e agrupacións forestais de xestión conxunta. Así, subliñou que desde o ano 2014 o seu departamento destinou algo máis de 44 millóns de euros a estas achegas, que recibiron un total de 4.308 beneficiarios e que permitiron o control selectivo de combustible no monte, nunha das liñas de axudas, e a construción de puntos de auga, na outra. Asemade, Rodríguez explicou que só na orde de axudas vixente aprobáronse un total de 276 expedientes por importe de case 5,4 millóns de euros.
Cuestionado sobre as obras de prevención xestionadas polo seu departamento, correspondentes á última licitación, o director xeral trasladou que se seguiron escrupulosamente os trámites correspondentes e que se vai completar o proceso administrativo coa maior axilidade posible. Puntualizou, así mesmo, que a prevención que leva a cabo a Xunta non consiste unicamente neste tipo de traballos, senón que se fan moitas outras actuacións, tanto sobre o territorio como de sensibilización da cidadanía. Neste sentido, cómpre lembrar que a Xunta prevé investir este ano en prevención un total de 50,5 millóns de euros.