A Xunta detecta o serotipo 8 da lingua azul na provincia da Coruña

A detección realizouse por vixilancia pasiva no marco do programa de vixilancia da presenza da lingua azul que desenvolve anualmente a Xunta de Galicia

Con esta detección, os serotipos 3 e 8 xa están presentes en todo o territorio galego

Aínda que a vacinación non é obrigatoria, o Goberno autonómico está a distribuír de balde ao persoal veterinario autorizado doses vacinais dos serotipos 3 e 8 para o gando ovino, especie que presenta sintomatoloxía máis grave e de maior mortalidade, e tamén para o serotipo 4 de bovino e ovino

Santiago de Compostela, 12 de setembro de 2025

A Consellería do Medio Rural vén de comunicar ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA), a través da Rede de Alerta Sanitaria Veterinaria, a primeira detección na provincia de A Coruña de animais infectados polo serotipo 8 da lingua azul nunha explotación de gando bovino, confirmada polo Laboratorio Central de Veterinaria de Algete (Madrid). Así, os serotipos 3 e 8 xa están presentes nas catro provincias galegas.

Cómpre lembrar que a finais do mes de xullo foron detectados na nosa comunidade os primeiros animais bovinos infectados por estes serotipos. En total, detectáronse cinco focos distribuídos nas catro provincias. Posteriormente, no mes de agosto apareceron exemplares infectados polo serotipo 3 na provincia de Pontevedra e polo serotipo 8 na de Ourense.

Cabe sinalar que o serotipo presente en Galicia ata ese momento era o 4, con circulación dende o ano 2023. No seu momento, todo o territorio peninsular someteuse a un programa de erradicación, para o cal Galicia optou pola vacinación obrigatoria, que se ofreceu de maneira gratuíta a todos os gandeiros. Nestes momentos xa non existe esta obriga de erradicación e a vacinación é voluntaria.

Vacinas gratuítas

Ante esta situación, en apoio ao sector gandeiro e aínda que a vacinación da lingua azul non é obrigatoria, a Xunta de Galicia está a distribuír de balde ao persoal veterinario autorizado, tanto clínico como pertencente a Asociacións de Defensa Sanitaria Gandeira, doses vacinais fronte o serotipo 4 para a vacinación de gando bovino e ovino e fronte aos serotipos 3 e 8 para a vacinación de gando ovino, especie que presenta síntomatoloxía máis grave e maior mortalidade. A información epidemiolóxica dispoñible parece indicar que tanto o serotipo 3 como o serotipo 8 poden producir no gando sobre todo ovino e con menor intensidade no bovino máis afectación clínica e produtiva que o serotipo 4 ata agora circulante.

É por iso que a Xunta recomenda a vacinación voluntaria dos bovinos e ovinos fronte a estes serotipos, como ferramenta máis efectiva para previr a infección nos animais. As vacinas fronte a estes serotipos, e máis o resto de serotipos circulantes en España, pódense adquirir nas canles comerciais habituais de subministración de medicamentos veterinarios, tras a preceptiva prescrición veterinaria, ademais das doses vacinais distribuídas de balde pola Consellería do Medio Rural.

Así mesmo, recoméndase evitar nas instalacións gandeiras a existencia de zonas de cría dos insectos vectores (zonas húmidas con materia orgánica, terra, estercos...) e a realización periódica de desinsectación de animais, instalacións e vehículos de transporte de gando. Lémbrase a obriga das persoas gandeiras de comunicar aos Servizos Veterinarios Oficiais da Consellería do Medio Rural calquera sospeita da enfermidade que detecten nos seus animais.

Antecedentes da doenza

A distribución e prevalencia da lingua azul entre as especies sensibles (bovinos e ovinos fundamentalmente, ademais doutros ruminantes silvestres) vén determinada pola actividade estacional do vector transmisor, os insectos do xénero Culicoides,spp. Así, historicamente Galicia, como o resto de España (agás as Illas Canarias, rexión que permanece libre desta doenza) e outros países europeos e doutros continentes sofren de xeito recorrente a presenza desta enfermidade nos seus diversos serotipos.

 

Desde hai máis de 20 anos estase a aplicar en Galicia un programa anual de vixilancia sobre esta enfermidade baseado na vixilancia entomolóxica para detectar a presenza e abundancia do vector transmisor e na vixilancia serolóxica e clínica pasiva dos animais ruminantes sensibles.

Froito desta vixilancia, en Galicia foron detectados episodios de circulación dos serotipos 1 e 8 nos anos 2008-2010 e, máis recentemente, no ano 2023, a circulación do serotipo 4.  No momento de circulación dos serotipos 1 e 8, unha política de vacinación obrigatoria dos animais e o control dos seus movementos conseguiu a erradicación da enfermidade e a consecución en 2009 do estatuto de rexión libre desta doenza. A mesma política de vacinación obrigatoria para conseguir a erradicación realizouse en Galicia tras a aparición do serotipo 4 en 2023, ata que en 2025 mudou esta consideración.

Vacinación voluntaria, pero recomendable

Neste sentido, o pasado ano detectouse en España por primeira vez a circulación simultánea de catro serotipos da lingua azul (1, 3, 4 e 8), que foron colonizando distintos territorios peninsulares. Tendo en conta esta situación, en marzo de 2025 o Comité de Alerta Sanitaria Veterinaria, participado polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e as comunidades autónomas, adoptou a decisión de considerar todo o territorio peninsular como zona restrinxida para os 4 serotipos circulantes en España, quedando só as Illas Baleares como territorio sometido a un programa de erradicación e as Canarias como territorio libre desta enfermidade.

A efectos prácticos, isto significa fundamentalmente que dentro do territorio peninsular a vacinación fronte a calquera serotipo circulante de lingua azul pasa a ser voluntaria para os bovinos e ovinos (os cabrúns non se vacinan) e que non hai ningunha restrición nin requisito adicional para os movementos destes animais no territorio peninsular, agás que amosen síntomas compatibles coa enfermidade no momento do traslado. En todo caso, e pese a tratarse dunha vacinación voluntaria, Medio Rural recomenda administrar a vacina a todos os bovinos e ovinos fronte a todos os serotipos circulantes.

Data de actualización: 12/09/2025