A Xunta porá en marcha dúas novas Casas do Maior para atender a unha vintena de maiores en Boqueixón

Nestes momentos Galicia conta xa con 140 recursos destas características situados en concellos pequenos

Boqueixón (A Coruña), 15 de setembro de 2025

O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, acompañado do alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro,  presentou hoxe as dúas novas casas do maior coas que contará este municipio. Estes novos recursos, sumados aos xa existentes neste concello, permitirán atender ata unha vintena de maiores de xeito totalmente gratuíto.

O director xeral avanzou que esta mañá o Diario Oficial de Galicia (DOG) fixo pública a resolución da convocatoria para a creación de 20 novas casas do maior en diferentes concellos de Galicia, dúas das cales se situarán no concello de Boqueixón. Así, lembrou que as casas do maior conta con cinco prazas públicas cada unha e son un recurso pioneiro impulsado pola Xunta para ofrecer aos maiores unha atención diúrna e gratuíta durante oito horas ao día.

Nestes momentos en Galicia xa hai en funcionamento máis de 140 recursos destas características que prestan servizo a máis de 700 maiores. Deste xeito, lembrou Acevedo, a Xunta impulsa  estes recursos pioneiros co obxectivo de ofrecer unha atención totalmente gratuíta na contorna e potenciar o asentamento de poboación no rural.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 15/09/2025