A Xunta financia o novo punto limpo de proximidade de Cerdedo-Cotobade
A liña destinada á adquisición de puntos limpos de proximidade beneficiou a 11 concellos e unha mancomunidade na provincia de Pontevedra por valor de preto de 134.000 euros
O delegado territorial lembrou a importancia de seguir fomentando unha separación eficaz dos residuos para conseguir espazos máis limpos e sostibles
Cerdedo-Cotobade (Pontevedra), 16 de setembro de 2025
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou Cerdedo-Cotobade xunto ao seu alcalde, Jorge Cubela. Este foi un dos concellos beneficiados pola liña destinada á instalación de puntos limpos de proximidade das axudas da Xunta para o financiamento de actuacións en materia de residuos de competencia municipal.
Así, o concello de Cerdedo-Cotobade puido instalar un punto limpo accesible á toda a veciñanza, nunha rúa especialmente transitada e onde se poden depositar aparatos electrónicos de pequeno tamaño como teléfonos móbiles; pequenas consolas ou calculadoras; mandos de control remoto; Cds e DVDs; bombillas ou pequenas pilas e baterías.
Cabe destacar que isto foi posible grazas a unha achega da Xunta de máis de 5.000 euros. Ademais, o concello instalou novos contedores marróns para a recollida de residuos orgánicos.
Neste sentido, o delegado territorial destacou a importancia de “seguir ofrecendo incentivos aos concellos para que melloren o seu sistema de recollida e separación de residuos, de forma cara a conseguir uns espazos máis limpos, máis sostibles e máis saudables para todos os galegos e galegas”.
Estas axudas para o financiamento de actuacións en materia de residuos de competencia municipal están cofinanciadas polo Fondo Europeo relativo ao Mecanismo de recuperación e resiliencia, financiado pola Unión Europea NextGenerationEU e contan con catro liñas de actuación. A liña destinada á adquisición de puntos limpos de proximidade beneficiou a 11 concellos e unha mancomunidade na provincia de Pontevedra por valor de preto de 134.000 euros.