Medio Rural atendeu xa a máis de 750 persoas e tramitou 143 axudas para os afectados polos lumes en Valdeorras

A conselleira María José Gómez achegouse esta mañá ata a oficina agraria móbil posta a disposición dos afectados en Vilamartín de Valdeorras para dar información e asesoramento das diferentes liñas de apoio da Xunta

Ademais, neste mesmo concello visitou a adega Santa Marta, que se viu afectada polos incendios, e destacou a calidade dos seus viños, producidos ao amparo da Denominación de Orixe Valdeorras

Tamén se desprazou ata a sede do distrito forestal XIII Valdeorras – Trives, onde reiterou o seu agradecemento a todos os profesionais que loitaron contra os incendios forestais deste verán

Vilamartín de Valdeorras (Ourense), 17 de setembro de 2025

A Consellería do Medio Rural atendeu xa máis de 750 persoas e tramitou 143 expedientes de axudas para os afectados polos incendios forestais do pasado mes de agosto na comarca ourensá de Valdeorras. Así o destacou esta mañá a titular do departamento, María José Gómez, na súa visita á oficina agraria móbil posta a disposición dos damnificados no concello de Vilamartín de Valdeorras.

Segundo explicou a conselleira, só neste punto de atención cidadá -un dos 17 de información e asesoramento habilitados pola Xunta para os afectados- xa se atenderon 121 persoas e tramitáronse unha trintena de expedientes de axuda.

Neste sentido, cómpre lembrar que, no caso das explotacións agrícolas e gandeiras, habilitáronse achegas tanto para a reparación de bens, maquinaria, equipamento ou medios de produción como para adquisición de alimentación complementaria para o gando en extensivo ou as colmeas superviventes nas zonas afectadas. Tamén se contemplan indemnizacións aos gandeiros e agricultores por perdas na produción.

No caso das explotacións forestais, cóntase con achegas para a reparación dos danos causados a infraestruturas e tamén hai partidas para maquinaria e equipamento forestal danado, para a afectación en madeira amoreada queimada e de corta, recollida e astelado da madeira queimada non comercial ou para reposición de forestacións.

Son, en total, oito diferentes liñas de axudas para as explotacións gandeiras, agrícolas e forestais, que cobren o 100 % do investimento. Un esforzo co que, incidiu a conselleira, trátase de apoiar os damnificados e lograr que Galicia se recupere o máis axiña posible dos danos dos incendios deste verán.

Apoio ao sector vitivinícola

Con anterioridade, Gómez achegouse tamén ata a adega Santa Marta, situada neste mesmo municipio e que se viu afectada polos incendios. A conselleira puxo en valor a calidade dos seus viños, elaborados ao abeiro da Denominación de Orixe (DO) Valdeorras e reiterou o apoio da Xunta ao sector vitivinícola en particular. De feito, na liña específica por perdas de produción inclúese unha partida específica para o caso concreto do viño, que será de 12.700 euros/hectárea.

Na mesma liña, Gómez indicou que, segundo trasladou a propia DO, a afectación polos lumes no seu territorio representa un 2 % do total das hectáreas inscritas na denominación. Con todo, engadiu a conselleira, a Xunta quere tenderlle a man aos produtores de viño desta comarca e do resto das afectadas polos incendios porque, sinalou, “Galicia é unha potencia neste sector grazas a eles”.

Asemade, a titular de Medio Rural remarcou que o sector vive un momento clave, como é o inicio da vendima, e por iso ten aínda máis sentido a visita e o feito de reafirmar o apoio do Goberno galego a este eido produtivo tan importante no noso agro e agardou que se poida dar unha boa colleita en canto a calidade, especialmente.

A maiores, a conselleira recordou que ese respaldo ao mundo do viño tamén se concreta en axudas anuais para os viticultores e adegueiros, que neste 2025 cífranse en máis de 10 millóns de euros, contabilizando tanto as achegas para reestruturación e reconversión de viñedo como as destinadas á promoción do viño galego en mercados de terceiros países e as que apoian a elaboración e comercialización de produtos vitivinícolas.

Visita ao distrito forestal

Por outra banda, María José Gómez, acompañada polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, visitou tamén este mediodía o Distrito Forestal XIII Valdeorras – Trives, onde reiterou o seu agradecemento a todos os profesionais que loitaron contra os incendios forestais deste verán e puxo en valor o seu “inxente traballo”, tanto sobre o terreo como desde os diferentes centros de coordinación. Un labor que, salientou, fixo posible, entre outras cousas, a defensa efectiva de multitude de núcleos de poboación.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/09/2025