Medio Rural reafirma o seu compromiso coa remuda xeracional na VIII Escola de Futuros Gandeiros de Lalín
O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, asistiu á demostración de Preparación e Presentación de animais celebrada no marco desta iniciativa
Lembrou que o impulso á remuda constitúe unha das principais liñas de traballo da Consellería, a través da formación, diversas liñas de axuda ou o Banco de explotacións, entre outras medidas
Lalín (Pontevedra), 24 de xullo de 2026
O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias da Consellería do Medio Rural, José Balseiros, asistiu hoxe á demostración de Preparación e Presentación de animais celebrada no marco da VIII Escola de Iniciación de Futuros Gandeiros. A actividade supuxo o colofón desta iniciativa, que se desenvolveu na Finca Mouriscade e na que tomaron parte máis dunha vintena de mozas e mozos de entre 9 e 25 anos.
O director xeral trasladou os parabéns a todos os participantes e puxo en valor esta Escola como medio de impulso á remuda xeracional nas explotacións, un asunto que, reiterou, constitúe unha das principais liñas de traballo da Consellería. Así, o Goberno galego impulsa diversas ferramentas para favorecer esta remuda, a través da formación, as axudas para a incorporación de mozas e mozos e de novos activos ao sector, os plans de mellora ou o Banco de explotacións.
Sobre o compromiso da Xunta coa formación agraria, subliñou que se pon de manifesto especialmente co labor dos seis centros de Formación e Experimentación Agraria (CFEA) adscritos a Medio Rural e que, tal como destacou, están rexistrando unha elevada demanda de prazas de cara ao vindeiro curso.
José Balseiros felicitou tamén aos organizadores desta Escola, a Federación Frisona Galega e o Club de Xóvenes Gandeiros de Galicia, que promoven a iniciativa co apoio de Cooperativas Lácteas Unidas (CLUN) e da Deputación Pontevedra.