A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto co secretario xeral técnico, Yago Borrajo Sánchez, asinou co alcalde o convenio para o financiamento da actuación

A Xunta colabora co Concello de Valga na mellora das instalacións deportivas do municipio

A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas financia esta intervención cun préstamo por 700.483€ do Fondo de Cooperación ao Concello, a través da liña dirixida a municipios de menos de 50.000 habitantes

Santiago de Compostela, 18 de setembro de 2025

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, asinou hoxe co alcalde de Valga, José María Bello Maneiro, o convenio para a concesión dun préstamo por un importe de 700.483€ do Fondo de Cooperación da Xunta para municipios de menos de 50.000 habitantes. O acto de sinatura realizouse en San Caetano e no mesmo tamén estivo o  secretario xeral técnico, Yago Borrajo Sánchez.

En concreto, o obxectivo do convenio firmado hoxe é levar a cabo a mellora das instalacións deportivas do municipio pontevedrés.

Neste sentido, a actuación desenvolverase co apoio desta liña da Xunta destinada a financiar obras de conservación de patrimonio construído, rexeneración urbana ou adquisición de inmobles para rehabilitar en concellos de menos de 50.000 habitantes. A intervención na mellora das instalacións deportivas do municipio supón un orzamento total de 1.157.424€.

Este préstamo sen xuros, a devolver en 8 anos, correspóndese á convocatoria 2025 desta liña de achegas, dotada dun total de 3,7M€, e que estará aberta ata o vindeiro 15 de outubro.

A Xunta, dende a posta en marcha deste Fondo en 2017, leva concedidos préstamos por un importe de preto de 26M€ para impulsar 106 actuacións en 50 concellos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/09/2025