Román Rodríguez anima a aproveitar a última semana de prazo para matricularse na Formación Profesional

O conselleiro visita o stand de FP na Feira do Moble, onde destaca a calidade, prestixio e alta empregabilidade destes estudos, coa matrícula aberta ata o día 26

A FP participa nesta cita na Estrada cun espazo no que se facilita asesoramento personalizado e información sobre os ciclos e másteres

A Estrada (Pontevedra), 20 de setembro de 2025

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, visitou hoxe o espazo de Formación Profesional na XXXVII Feira do Moble de Galicia, na Estrada, onde animou a aproveitar a última semana para matricularse nestas ensinanzas, que remata o 26 de setembro. “Aínda quedan prazas libres para as persoas interesadas en cursar estes estudos, que son referente en España pola súa calidade, prestixio e innovación”, destacou o conselleiro.

O representante da Xunta de Galicia, que estivo acompañado pola directora xeral de FP, Eugenia Pérez, quixo poñer en valor a empregabilidade destas ensinanzas, do 85% en xeral e de case o 100% na FP Dual Intensiva. “Estamos a falar, polo tanto, dunha oferta formativa cunha altísima inserción laboral, case pleno emprego, polo que cada praza é unha oportunidade aberta ao futuro”, incidiu o conselleiro.

As persoas interesadas en cursar FP este curso e que aínda non se inscribiran poderá facelo ata o vindeiro venres 26 de setembro ás 13,00 horas. Pode facelo calquera persoa, mesmo se non presentou solicitude de praza a principios de verán. Cómpre lembrar que este curso a Xunta lanzou a maior oferta de FP da historia, con 49.164 prazas de novo ingreso.

No caso das titulacións con listaxe de espera nas que quedara algunha vacante tras rematar os anteriores prazos de matrícula, os centros con prazas nesta situación efectúan chamamentos telefónicos ás persoas que corresponda segundo a orde da listaxe. As persoas que acepten a praza teñen 24 horas para entregar a documentación no centro e facer a matrícula.

No que atinxe ás titulacións con prazas liberadas por non ter listaxe de agarda, os interesados só teñen que achegarse ao centro no que o ciclo ou curso de especialización teña prazas dispoñibles e a inscrición realizarase no propio centro por orde de chegada. A única condición é cumprir os requisitos de acceso para a titulación elixida.

Asesoramento e información

No referido á participación da FP na Feira do Moble, Román Rodríguez sinalou este evento como unha ocasión única para promocionar os ciclos formativos das familias profesionais de Madeira, Moble e Cortiza que se imparten no Instituto Plurilingüe Antón Losada Diéguez da Estrada e noutros centros da contorna. De feito, no espazo poden contemplarse algunhas pezas de exposición elaboradas por alumnado destes ciclos e os visitantes poden experimentar coa realidade virtual no simulador de taller de carpintería.

Ademais, no espazo de 36m² pode atoparse material informativo sobre a oferta de FP ou o proceso de acreditación de competencias e ofrécese asesoramento personalizado aos visitantes da man dos orientadores do devandito institutos, do Centro Integrado de FP A Xunqueira (Pontevedra) e de persoal da Consellería. A maiores, desenvolveuse unha xornada técnica de información sobre a oferta formativa dispoñible, os diferentes niveis que se poden cursar, así como as vantaxes que achega este itinerario educativo.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/09/2025