Medio Rural informa da situación dos lumes forestais con datos recollidos ata as 13.30 h. de hoxe

Continúan activos e en Situación 2, con carácter preventivo, os incendios de Pantón-Pombeiro (150 ha) e O Bolo-Vilaseco (30 ha)

Segue controlado o lume de Barreiros-San Xusto de Cabarcos (140 ha)

Santiago de Compostela, 19 de agosto de 2025

A Consellería do Medio Rural informa da situación dos incendios forestais rexistrados en Galicia con datos recollidos ata as 13.30 horas de hoxe venres.

LUGO

ACTIVOS

Activo Pantón-Pombeiro. Declarada Situación 2

Ás 14.16 horas de onte iniciouse o incendio forestal rexistrado no concello de Pantón, parroquia de Pombeiro, no que se mantén activa a Situación 2 de forma preventiva pola súa proximidade pola proximidade do lume ao núcleo de poboación de Lornís. Segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de 150 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse, de xeito acumulado, 8 técnicos, 29 axentes, 40 brigadas, 35 motobombas, 6 pas, 4 unidades técnicas de apoio, 10 helicópteros e 8 avións.

CONTROLADOS

Controlado Barreiros-San Xusto de Cabarcos

Segue controlado desde o pasado martes 16 ás 21.59 horas o incendio forestal rexistrado no concello de Barreiros, parroquia de San Xusto de Cabarcos, iniciado o domingo 14 ás 16.14 horas. Segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie de 140 hectáreas de monte arborado. Para a súa extinción mobilizáronse, de xeito acumulado, 8 técnicos, 75 axentes, 101 brigadas, 80 motobombas, 4 pas, 2 unidades técnicas de apoio, 7 helicópteros e 2 avións.

OURENSE

ACITVOS

Activo O Bolo-Vilaseco

Permanece activo desde onte ás 23.47 horas o incendio forestal do concello do Bolo, parroquia de Vilaseco, no que se decretou a Situación 2 como medida preventiva pola súa proximidade ao núcleo de Santa Cruz. Segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie de arredor das 30 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse 3 técnicos, 10 axentes, 13 brigadas, 9 motobombas, 2 pas, 4 helicópteros e 9 avións.

A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais que acadan as 20 hectáreas poderá ser consultada na conta aberta de X (antigo twitter): @incendios085.

Data de actualización: 19/09/2025