Medio Rural e a IX de Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia avalían liñas de colaboración para impulsar a incorporación de novos operadores
O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, participou hoxe nun encontro con este Consello Regulador
Realizouse un seguimento das Catas de Galicia, na que este ano participaron 10 empresas deste sector cun total de 33 mostras
Santiago de Compostela, 27 de xullo de 2026
O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria da Consellería do Medio Rural, Martín Alemparte, mantivo no día de hoxe unha xuntanza co Consello Regulador da Indicación Xeográfica (IX) de Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia. Nesta reunión analizaron o funcionamento deste distintivo e avaliaron novas liñas de colaboración conxuntas para impulsar a incorporación de novos operadores a este selo.
Neste sentido, o encontro serviu para facer unha análise da última edición das Catas de Galicia, celebradas o pasado 14 de xullo, e na que participaron 10 empresas do sector das bebidas espirituosas cun total de 33 mostras.
Alemparte sinalou a importancia destas indicacións xeográficas, que forman parte dos 36 distintivos de calidade diferenciada cos que conta a nosa comunidade, aos que hai que sumarlle a certificación de produción ecolóxica e o selo Artesanía Alimentaria. De xeito concreto, en Galicia existen as IX de Licor Café de Galicia, Licor de Herbas de Galicia, Orujo de Galicia e Augardente de Herbas de Galicia, todas elas moi vencelladas ás tradición e a cultura galega.
A maiores, destacou que este tipo de elaboracións supoñen unha oportunidade para xerar maior valor engadido arredor da produción vitivinícola galega, transformando un produto ligado á uva en bebidas de alta calidade diferenciada que contribúen a diversificar a actividade das adegas, fortalecer o tecido agroalimentario e proxectar a identidade gastronómica de Galicia entro e fóra da comunidade.