A Xunta felicita ao alumnado do IES Xelmírez II como exemplo do liderado de Galicia en ciencia e creatividade
A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa participa no acto de entrega do IX Premio Ofelia Devesa de Educación Activa
Santiago de Compostela, 19 de setembro de 2025
A Xunta de Galicia participou hoxe no acto de entrega do IX Premio Ofelia Devesa de Educación Activa, organizado polo Instituto Arcebispo Xelmírez II de Santiago de Compostela, un recoñecemento que fomenta a investigación entre o alumnado de ESO e Bacharelato. A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, felicitou aos estudantes polos seus traballos e subliñou que son “un exemplo do liderado de Galicia en ciencia e creatividade, un ámbito no que a nosa Comunidade está á vangarda segundo os principais informes internacionais”.
A representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP recordou que Galicia ocupa a primeira posición en España e a oitava no mundo en competencia científica no informe PISA, cunha puntuación de 506 puntos, moi por riba da media española e da OCDE (485 puntos). Do mesmo xeito, destacou que o alumnado galego sitúase como o terceiro en España con mellores resultados en pensamento creativo, segundo o informe PISA, por riba tanto da media estatal como dos países da OCDE. “Son datos que avalan o esforzo do alumnado, das familias e dos centros educativos, e que demostran que Galicia aposta por un modelo de ensino que combina excelencia académica e innovación”, engadiu.
O xurado valorou especialmente o interese das temáticas, a claridade expositiva, a orixinalidade e o rigor científico dos vídeos, que abrangueron ámbitos tan diversos como a ciencia, a cultura, a tecnoloxía, a historia, a actualidade social ou o medio ambiente.
Investigación e divulgación
O certame conta con dúas categorías: a primeira para alumnado de 1º a 3º da ESO e a segunda para estudantes de 4º de ESO e Bacharelato. Nesta edición, os gañadores da primeira categoría foron Elisa Carballeiro e Azul Alves, con un premio de 400 euros; os segundos clasificados, Martín Vinagre e Noa Raña, recibiron 300 euros; e os terceiros, Lucía Otero e Esteban Manuel Muíño, foron premiados con 200 euros.