Medio Rural inviste 560.000 euros na creación de dous novos pasteiros no concello de Cerdedo-Cotobade

O director de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, mantivo hoxe unha reunión con gandeiros de Quireza, onde se implantaron estes pasteiros cunha superficie total de 61 hectáreas

Estas actuacións contribúen á conservación da biodiversidade no agro, impulsan a actividade socioeconómica e axudan a prever os incendios forestais

Ambos pasteiros enmárcanse dentro do Plan de Pastos de Galicia, a través do cal se teñen mobilizado desde 2020 máis de 1.930 hectáreas en 80 pasteiros, cun investimento próximo aos 10,5 millóns de euros

Cerdedo-Cotobade (Pontevedra), 19 de setembro de 2025

O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, acompañado polo alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, mantivo hoxe unha reunión con gandeiros de Quireza, onde a Consellería do Medio Rural investiu algo máis de 560.000 euros para a implantación de dous pasteiros no monte veciñal en man común do lugar.

Balseiros destacou que estas actuacións son fundamentais para o desenvolvemento rural, xa que contribúen á conservación da biodiversidade nos ecosistemas agroforestais, impulsan a actividade socioeconómica ao ofrecer espazos adecuados para as explotacións en extensivo, e axudan a previr os incendios forestais ao interromper a continuidade dos combustibles, funcionando como cortalumes.

Concretamente, un dos pasteiros conta cunha superficie de 31 hectáreas, conta con tres cancelas e un peche de 2.600 metro lineais. O outro abrangue unha superficie de 30 hectáreas e realizáronse diferentes tarefas para a súa implantación, ademais da instalación dun peche de 3.450 metros lineais, de cinco cancelas e unha manga de manexo.

Ambos proxectos forman parte do Plan de Pastos de Galicia, a través do cal a Consellería do Medio Rural leva mobilizado desde 2020 máis de 1.930 hectáreas en 80 pasteiros, cun investimento próximo aos 10,5 millóns de euros. A estas cifras engadiranse as 519 hectáreas que se prevén mobilizar ao longo de 2025, distribuídas en 26 novos pasteiros e cun orzamento adicional de 4 millóns de euros. Ao finalizar este ano, a superficie total mobilizada ascenderá a 2.450 hectáreas repartidas en 106 pasteiros, cun investimento global que superará os 14,5 millóns de euros.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/09/2025