A Xunta reivindica o lugar de Narón no mapa das grandes probas de resistencia durante a presentación da proba de ultrafondo ‘21 leguas’

A delegada territorial de Ferrol, Martina Aneiros, participou esta mañá no acto oficial que tivo lugar no Concello

Un total de 1.034 persoas, entre ciclistas e marchadores, tomarán parte este ano na cita que volve contar co apoio do Goberno galego

Narón (A Coruña), 22 de setembro de 2025

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, participou esta mañá no Concello de Narón na presentación da cuarta edición da proba de ultrafondo 21 Leguas. Os 101 quilómetros de Narón 2025, que terá lugar o próximo 27 de setembro e conta un ano máis co apoio do Goberno galego.

Aneiros destacou o polo de atracción que esta competición supón cada ano para o municipio e reiterou o compromiso do Goberno galego co deporte “como motor de saúde, de educación e tamén de desenvolvemento económico e social”.

Agradeceu ademais a implicación da organización, do Concello e das entidades colaboradoras, así como dos voluntarios que cada ano fan posible o desenvolvemento da mesma e expresou o seu desexo de que esta edición colleite un novo éxito e reforce o lugar de Narón e da comarca de Ferrolterra no mapa das grandes probas de resistencia.

A cita, que ten unha duración de 24 horas, está organizada polo Concello de Narón, en colaboración co Club Deportivo 21 Leguas. Un total de 1.034 participantes, entre ciclistas e marchadores nas diferentes modalidades, tomarán a saída este ano do paseo marítimo de Xuvia, onde tamén está establecida a meta. 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/09/2025