A Xunta autoriza con condicións á ampliación dunha explotación leiteira no concello do Páramo
A resolución da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático non prevé que as actuacións teñan efectos significativos adversos sobre a contorna sempre que se cumpra co fixado no propio informe ambiental e na documentación avaliada
O proxecto prevé remodelar unha zona dedicada a almacén e poder aumentar a capacidade actual da granxa ata as 493 prazas para vacún de leite
Santiago de Compostela, 22 de setembro de 2025
A Xunta de Galicia acaba de dar luz verde ambiental á ampliación dunha explotación de gando vacún dedicada á produción de leite no concello lucense do Páramo, autorización supeditada, en todo caso, ao cumprimento das condicións incluídas nos distintos documentos emitidos durante a tramitación ambiental. A actuación proxectada non implica realizar novas construcións, só remodelar unha zona dedicada actualmente a almacén.
Segundo se recolle no informe de impacto ambiental (IIA) emitido pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático e feito público hoxe no Diario Oficial de Galicia, non son previsibles efectos adversos significativos derivados do proxecto sempre que se cumpra cos condicionantes fixados tanto no documento ambiental como na restante documentación analizada e no programa de vixilancia ambiental.
Neste sentido, o informe foi elaborado no marco do procedemento de avaliación de impacto ambiental simplificada desta iniciativa empresarial, un trámite no que a documentación presentada polo promotor foi sometida a participación pública, sen que se recibise ningún escrito ou alegación ao respecto, ao tempo que foron consultados un total de nove organismos e entidades interesados.
Froito desas consultas, foron establecidos os condicionantes que se engaden aos incluídos no propio programa de vixilancia ambiental que recolle a resolución da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade.
Neste sentido, consideran que o proxecto non vai ter impactos significativos nos distintos eidos analizados e que sería viable a súa posta en marcha sempre que se cumpran certos condicionantes establecidos nos seus respectivos informes con relación á calidade do aire; á protección do medio fluvial; á xestión de residuos; á integración paisaxística; aos efectos sobre o medio natural, a fauna e a flora, entre outros.
A maiores, o documento inclúe condicións para a protección ante accidentes graves ou catástrofes e tamén a esixencia de que, antes da finalización da vida útil das instalacións, deberá remitirse un informe ao órgano substantivo —a Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias— que conteña todas as actuacións previstas para, se é o caso, proceder ao desmantelamento e abandono das instalacións.
Unha vez emitido o IIA, que non exime ao promotor da obriga de obter todas as autorizacións, licenzas, permisos ou informes que resulten legalmente exixibles para poder desenvolver a ampliación, remitiuse a resolución ao órgano substantivo e agora dáselle publicidade no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Consellería.
Descrición da actuación
A explotación de vacún de leite obxecto do presente IIA atópase no lugar de San Vicente, na parroquia de San Vicente de Gondrame, pertencente a O Páramo (Lugo), nunha contorna de carácter eminentemente agrícola e gandeiro. As instalacións, que ocupan dúas parcelas con acceso por un camiño dende unha estrada local, contarán cunha remodelación que permitirá incrementar a capacidade ata as 493 prazas.
As obras proxectadas, promovidas por SAT Ladeira 1285 Xuga, consistirán na remodelación mediante a colocación de cubículos en zonas da explotación actualmente dedicadas ao almacén, co que ampliará a capacidade.
Cómpre subliñar que se trata dunha explotación gandeira orientada á produción de leite e na cal a reposición das vacas produtoras realízase coa recría da propia explotación. O manexo da granxa é semi intensivo, con pastoreo e recollida de herba e ensilado nas parcelas. De feito, a alimentación animal baséase principalmente en herba verde en pastoreo con complemento de silo e penso para os exemplares adultos e de herba verde e silo para os de recría.
Agora, será a Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias da Consellería do Medio Rural, como órgano substantivo encargado de tramitar o conxunto do proxecto e de autorizalo en última instancia, a que pase a asumir de novo o expediente unha vez completado o trámite ambiental. Tamén se encargará de velar, en caso de saír adiante, polo cumprimento das exixencias ambientais recollidas tanto nos informes sectoriais como no propio IIA e no plan de vixilancia ambiental de aplicación.