A Xunta apoia ao centro comercial aberto Ferrol-A Magdalena no desenvolvemento da campaña de dinamización ‘Comercios que contan historias’

A delegada territorial de Ferrol, Martina Aneiros, participou esta mañá no Concello de Ferrol na presentación desta iniciativa que se levará a cabo os días 3 e 4 de outubro no barrio da Magdalena

Destacou que a iniciativa foi unha das accións recoñecidas pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración cunha aportación extraordinaria dentro da convocatoria de axudas destinada a estas entidades

Ferrol, 25 de setembro de 2025

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, participou esta mañá na presentación da campaña de dinamización Comercios que contan historias que organiza o Centro Comercial Aberto Ferrol-A Magdalena (Acof) co apoio económico da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e en colaboración co Concello de Ferrol e a Asociación de Empresarios de Hostalería Ferrol e Comarcas.

A iniciativa, que se vai levar a cabo os días 3 e 4 de outubro, inclúe actividades de dinamización vencelladas ao fomento do consumo nos comercios locais como, concertos, xogos infantís, concursos gastronómicos e visitas guiadas pola historia da cidade a través de tres rutas temáticas -Comercio Ilustrado, Comercio no Camiño e O comercio conta lendas- que poñen en valor o legado cultural da cidade. A campaña, na que tomarán parte os 97 comercios asociados da entidade, repartirá 2.000 euros en premios en tarxetas regalo para canxear no comercio local.

A delegada territorial lembrou que a campaña Comercios que contan historias de Acof foi unha das accións de dinamización recoñecidas pola Xunta a nivel galego cunha aportación extraordinaria dentro das axudas ao labor destas entidades “polo seu carácter innovador, a calidade das accións e o impacto no tecido comercial local”, sinalou. A achega autonómica ascende a preto de 20.000 euros.

Destacou ademais que estes apoios enmárcanse no Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030 co que a Xunta pretende avanzar na creación dun rexistro actualizado e na reconfiguración dos centros comerciais abertos, desde unha perspectiva de dinamización integral das contornas comerciais. A través desta folla de ruta, o Goberno galego tamén desenvolverá un plan de formación continua para os xerentes destes centros.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/09/2025