A directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, compareceu a petición propia na Comisión 5ª do Parlamento para facer balance e presentar os resultados do Programa galego de cribados poboacionais
A Xunta estenderá os cribados de cancro de cérvix e de colon aos centros penitenciarios, onde xa se realiza o de mama
A directora xeral de Saúde Pública remarca que a Consellería de Sanidade traballa na optimización e mellora constante do Programa galego de cribados deseñando novas estratexias de participación e incorporando as novas tecnoloxías ás súas análises
Avanza que o programa piloto de cancro de pulmón que se está a desenvolver na área sanitaria da Coruña e Cee convidou a 390 persoas de risco a realizar un TAC e rexistrou unha participación do 72,2 %, sendo subsidiarios de inclusión na vía rápida de cancro de pulmón un 7,4 %
Remarca que a Xunta avalía os resultados dos programas de cribado para tomar decisións en canto á súa posible extensión a outros grupos de idade
Santiago de Compostela, 25 de setembro de 2025
A directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, compareceu esta mañá na Comisión 5ª do Parlamento de Galicia para dar conta dos resultados dos programas poboacionais de cribado que está a desenvolver a Consellería de Sanidade, onde avanzou que a Xunta estenderá os cribados de cancro de cérvix e de colon ao conxunto de centros penitenciarios da comunidade galega.
Deste xeito, o departamento sanitario da Xunta amplía con dous novos cribados o programa de detección precoz do cancro de mama que xa realizaba entre as persoas privadas de liberdade.
Con esta medida, o Goberno galego dá resposta aos principios de universalidade, equidade e protección das persoas vulnerables, ao posibilitar unha atención sanitaria máis completa nos centros penitenciarios.
A directora xeral de Saúde Pública avanzou esta novidade tras a presentación dos resultados do Programa de cribados poboacionais que desenvolve a Xunta, e que teñen por obxectivo detectar de forma temperá a presenza de células canceríxenas entre a poboación galega.
Resultados dos cribados consolidados: mama, cérvix e colon
Seguindo unha orde cronolóxica, Carmen Durán comezou a súa exposición achegando os datos do Programa Galego de Detección Precoz de Cancro de Mama, unha iniciativa que botou a andar no ano 1992 e que na actualidade se achega aos 4,5 millóns de invitacións realizadas.
Así, e tras a realización de máis de 3,5 millóns de exploracións, este cribado acadou unha participación global do 80 %, diagnosticándose en todos este anos un total de 13.952 casos de cancro de mama. Pola súa banda, no que atinxe ao ano 2024, a porcentaxe de participación acadou o 84,6 %, detectándose preto de 900 cancros.
Entre os datos máis salientables deste cribado, destaca que o 70 % dos cancros invasivos diagnosticados correspóndense con estadios precoces ou iniciais e máis do 74 % non presentaron afectación ganglionar ao diagnóstico. Así mesmo, a supervivencia global aos 5 anos das mulleres de entre 49 e 71 anos diagnosticadas dun cancro de mama foi do 93 %, unha porcentaxe que acada o 97,8 %, no caso das mulleres diagnosticadas a través do cribado.
En cando aos resultados do Programa de cribado de cancro colorrectal, a directora xeral de Saúde Pública detallou que se trata dunha iniciativa que desde o ano 2013 enviou un total de 2,7 millóns de invitacións a homes e mulleres con idades comprendidas entre os 50 e os 69 anos, acadando unha participación do 49,2 %.
No referido aos cancros colorrectais detectados, desde o inicio do programa e ata decembro de 2024, identificáronse 2.878 persoas con cancros invasivos e 26.425 persoas con lesións que requiren vixilancia con colonoscopia. Ademais, só no ano 2024 detectáronse máis de 250 cancros colorrectais. Deles, preto do 66 % foron identificados en estadios precoces.
Dentro dos cribados poboacionais do sistema sanitario público galego, a detección temperá do cancro do cérvix completa o tríptico consolidado na comunidade, tras acadar a súa extensión ao conxunto de áreas sanitarias no ano 2023.
Nesta liña e ata decembro de 2024 a participación efectiva neste cribado acadou o 60 %, diagnosticándose un total de 63 cancros. Así, do conxunto de lesións detectadas o 88 % presentaron un estadio I e II.
Próstata e pulmón, dous cribados en pilotaxe
Carmen Durán detallou que a aposta da Xunta por adiantarse á aparición das enfermidades e por abordalas nas súas fases iniciais conta con dous novos programas piloto de cribados: o de pulmón e próstata, que están a desenvolverse nestes momentos.
Por unha banda, a área sanitaria da Coruña e Cee está a avaliar os resultados preliminares do programa piloto de cribado de cancro de pulmón que desenvolveu durante o pasado ano, entre as persoas fumadoras con idades comprendidas entre os 55 e os 74 anos. Nesta pilotaxe convidouse a un total de 390 persoas de risco, acadando unha participación do 72, 2 %. Así, foron subsidiarias de inclusión na vía rápida de cancro de pulmón o 7,4 % das persoas que participaron na pilotaxe.
Pola súa parte, na área sanitaria de Ferrol está a desenvolverse unha pilotaxe para a detección precoz do cancro de próstata. A Xunta convidou a un total de 12.000 homes (de entre 50 e 69 anos) a participar neste programa que acadou o 41,4 % de participación.
Os resultados do cribado revelaron que un total 166 homes (40,1 %) presentaron un risco alto/intermedio de padecer cancro de próstata, indicándoselle a necesidade de realizar unha resonancia magnética. Tras esta proba, a 91 deles tamén se lle realizaría unha biopsia, sendo detectados 40 casos de cancro de próstata (67 % están en estadios precoces).
Constantes melloras e actualizacións
A detección precoz de enfermidades ocupa unha posición central dentro das políticas sanitarias da Xunta de Galicia. Por este motivo, a Dirección Xeral de Saúde Pública traballa constantemente na procura de melloras e actualizacións dos seus programas.
A dotación de novas unidades de exploración, a adquisición constante de novo equipamento ou a ampliación do rango de idade da poboación diana (ata os 74 anos), son algunhas das novidades que foi incorporando, ao longo destes anos, o cribado de cancro de mama da Consellería de Sanidade.
Así mesmo, a dixitalización dos sistemas de invitación, o uso da intelixencia artificial ou a decisión de facilitar a toma de mostras achegando diferentes opcións son algunhas das melloras postas en marcha pola rede sanitaria pública galega.
“Galicia conta cun programa de cribados de cancro sólido e competente, que é pioneiro tanto na súa carteira de servizos como no seu enfoque”, remarcou Carmen Durán, ao tempo que precisou que as últimas medidas adoptadas pola Dirección Xeral de Saúde Pública están centradas “na obtención de resultados en saúde e na detección precoz de enfermidades de forma personalizada.“