A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés comezou a campaña vacinal da gripe e a covid nas residencias e centros de discapacidade
Dirixida a 1.432 usuarios e 344 traballadores de 26 residencias, prevense empregar 2.978 doses de vacinas -1.604 de gripe e 1.374 de Covid- nunha primeira fase da campaña, que continuará nas vindeiras datas no resto de centros programados
Pontevedra, 29 de setembro de 2025
A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés comezou a campaña de vacinación contra a gripe e a covid-19 en residencias e centros de discapacidade da zona. A campaña ten coma obxectivo protexer á poboación máis vulnerable e previr a propagación da gripe e o covid-19 nas residencias e centros de discapacidade da área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés.
Dita campaña está a levarse a cabo nun total de 26 centros distribuídos nos distritos de Pontevedra e O Salnés. Algúns dos centros que xa iniciaron a vacinación son a propia residencia de Campolongo en Pontevedra con máis de 70 residentes e 26 traballadores convocados; a residencia ServiSenior en Vilagarcía de Arousa con 56 residentes e 8 traballadores convocados; a residencia Mama-Mela de Forcarei e a residencia de Meis. A vacinación será levada a cabo polos equipos sanitarios de atención domiciliaria desta área sanitaria.
Está prevista unha alta cobertura de vacinal, cun 99% de residentes e un 99% de traballadores vacinados contra a gripe na Residencia Campolongo. No caso de ServiSenior, a cobertura prevista é do 93% para gripe e do 84% para covid-19 en residentes.
Para difundir a relevancia preventiva da actividade vacinal, hoxe celebráronse sendos actos: un na residencia de Campolongo en Pontevedra, ao que asistiron, entre outros, responsables públicos e asistenciais o delegado da Xunta de Galicia, Agustín Reguera, a directora territorial de Sanidade en Pontevedra, Natalia Botana e, pola Área Sanitaria, a súa directora asistencial, Yolanda Sanduende e as directora e subdirectora de Enfermaría, Concepción Abellás e Silvia Amoedo. Ademais, tivo lugar outro acto na residencia ServiSenior de Vilagarcía de Arousa, coa asistencia da directora do distrito sanitario de O Salnés, Nuria Iglesias e o subdirector de Enfermaría, Carlos Pol.
En ambas presentacións incidiuse en que a campaña vacinal vai dirixida a 1.432 usuarios en residencias e centros de discapacidade ademais de a 344 traballadores destas institucións e que continuará nos vindeiros días no resto de centros programados. En total, prevénse empregar 2.978 doses de vacinas (1.604 doses de gripe e 1.374 doses de Covid-19) nesta primeira fase da campaña.
Vacinación infantil
Outra das novidades da campaña é a ampliación da gripe ata os 11 anos e a posta en marcha dun programa piloto de vacinación escolar, coa aplicación da vacina fronte a gripe por vía intranasal.
A partir do vindeiro 13 de outubro aplicarase a vacina fronte á gripe por vía intranasal en 55 centros educativos para alumnado de 4º, 5º e 6º de educación infantil e de todos os cursos de educación primaria. Búscase chegar a 19.000 nenos de entre 3 e 11 anos, é dicir, nados entre 2014 e 2022.
En función das coberturas de inmunización acadadas, a Xunta avaliará a extensión do proxecto piloto ao resto de centros escolares en futuras campañas de vacinación.