Medio Rural enxalza a calidade dos viños da Denominación de Orixe Ribeira Sacra, recoñecidos con galardóns internacionais

A conselleira María José Gómez visitou hoxe a adega Rectoral de Amandi, no concello lucense de Sober, que recibiu a Gran Medalla de Ouro polo Mencía Matilda Nieves no Mondial Vins Extrêmes, celebrado no Val de Acosta en Italia

Gómez sinalou que os viños da Ribeira Sacra tiveron un papel protagonista neste certame, con preto dunha vintena de recoñecementos

Puxo en valor a traxectoria de Rectoral de Amandi, unha adega de referencia nesta zona, que elabora caldos dunha “excelente calidade” amparados pola DO

Sober (Lugo), 30 de setembro de 2025

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, visitou hoxe a adega Rectoral de Amandi, no concello lucense de Sober, que recibiu a Gran Medalla de Ouro ao Mencía Matilda Nieves no Mondial des Vins Extrêmes, celebrado no Val de Acosta en Italia, nun certame no que os viños da Denominación de Orixe (DO) Ribeira Sacra tiveron un papel protagonista, con preto dunha vintena de recoñecementos.

María José Gómez puxo en valor a traxectoria de Rectoral de Amandi, ao tratarse dunha adega de referencia nesta zona que conta con máis de 130 hectáreas de viñedo. Estas vides permítenlles acadar unha produción anual de máis de dous millóns de botellas, con caldos dunha “excelente calidade” amparados pola DO Ribeira Sacra.

A conselleira lembrou que o Goberno autonómico está totalmente comprometido co sector vitivinícola, ao que sinalou como “clave no noso rural” e “un dos piares da nosa economía”. De seguido, amosou a aposta do executivo galego con este eido produtivo, materializada en liñas de achegas dotadas con máis de 10 millóns de euros para este ano.  

Deste xeito, referiuse ás axudas para a reestruturación e reconversión de viñedo, dotadas na última convocatoria cun orzamento de 4 millóns de euros e que teñen como fin incrementar a competitividade das explotacións vitícolas.

Asemade, sinalou as achegas destinadas á promoción do viño galego en mercados de terceiros países, que ascenden ata os 1,7 millóns de euros; e a liña para apoiar a elaboración e comercialización de produtos vitivinícolas, que veñen de resolverse cun orzamento de subvención de 5,4 millóns de euros. María José Gómez lembrou que estes apoios compleméntanse neste 2025 con axudas específicas para paliar os danos nos viñedos naquelas zonas afectadas polos incendios forestais.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/09/2025