A Xunta autoriza unha planta de valorización para unha empresa de reparación e venda de redes de pesca usadas en Boiro

A resolución da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático non prevé que a actuación teña impactos significativos sobre a contorna se se cumpren os condicionantes fixados no propio informe ambiental e na documentación avaliada

O centro xestor almacenará e clasificará residuos non perigosos cunha capacidade de xestión de 2.000 t/ano, que pode chegar como máximo a 4.000 t/ano

Santiago de Compostela, 1 de outubro de 2025

A Xunta de Galicia acaba de dar luz verde ambiental ao proxecto para a implantación dun centro xestor de residuos para a valorización de redes de pesca usadas dunha empresa con instalacións en Boiro (A Coruña). O proxecto autorizado está supeditado ao cumprimento das condicións incluídas nos distintos documentos emitidos durante a tramitación ambiental.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución do informe de impacto ambiental (IIA) emitido pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático. No devandito estudo, resólvese que non son previsibles efectos adversos significativos derivados do proxecto sempre que se cumpra cos condicionantes fixados tanto no documento ambiental como na restante documentación analizada e no programa de vixilancia ambiental.

Neste sentido, o informe foi elaborado no marco do procedemento de avaliación de impacto ambiental simplificada desta iniciativa empresarial, un trámite no que a documentación presentada polo promotor foi sometida a participación pública, sen que se recibise ningún escrito ou alegación ao respecto, ao tempo que foron consultados un total de oito organismos interesados.

Froito desas consultas, foron establecidos algúns condicionantes que se recollen na resolución da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade. O informe de impacto ambiental marca tamén o contido que deberá ter o programa de vixilancia e seguimento ambiental, que terá que elaborar o promotor do proxecto.

Neste sentido, esas avaliacións consideran que o proxecto non vai ter impactos significativos nos distintos eidos analizados e que sería viable a súa posta en marcha sempre que se cumpra con certos condicionantes establecidos nos seus respectivos informes con relación á protección da atmosfera e contaminación acústica, poboación e saúde; augas e leitos fluviais; xestión de residuos; integración paisaxística ou protección da fauna e da vexetación, entre outros.

Unha vez emitido o IIA, que non exime ao promotor da obriga de obter todas as autorizacións, licenzas, permisos ou informes que resulten legalmente exixibles para poder desenvolver o proxecto, tamén foi remitida a resolución ao órgano substantivo -a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade-.

A empresa, relacionada coa compra de redes usadas para reparalas en poñelas novamente á venda ou reutilizalas para fabricar outros produtos, ten na actualidade edificacións localizadas en tres parcelas, cunha superficie de 28.204 m, localizada no lugar de Vilariño, na parroquia de Cespón, no municipio coruñés de Boiro.  A actividade principal, que continuará nas instalacións xa existentes, será independente dun novo centro de valorización.

En concreto, o proxecto de planta de valorización de redes de pesca, promovida por JJ Chicolino SL, consiste nun centro xestor encargado do almacenamento e clasificación de residuos no perigosos (RNP) -principalmente redes fabricadas con material plástico- para o seu reemprego. De acordo ao documento ambiental, a actividade desenvolverase integramente no exterior e estímase unha capacidade normal de xestión de 2.000 t/ano, sendo a capacidade máxima estimada de xestión de 4.000 t/a. 

Agora a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade da Consellería do Medio Rural, como órgano substantivo -encargado de tramitar o conxunto do proxecto e de autorizalo en última instancia-, pasa a asumir de novo o expediente unha vez completado o trámite ambiental e encargarase de velar, en caso de saír adiante, polo cumprimento das exixencias ambientais recollidas tanto nos distintos informes sectoriais como no propio IIA e no plan de vixilancia ambiental de aplicación.

Data de actualización: 01/10/2025