O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, acompañado da subdirectora xeral de Atención á Saúde Mental do Servizo Galego de Saúde, interveu no acto de presentación dunha Guía para o tratamento do suicidio nos medios de comunicación
A Xunta e o Colexio Oficial de Xornalistas presentan unha guía “útil, rigorosa e viable na práctica informativa” para o tratamento responsable da conduta suicida
Profesionais da saúde e da comunicación coincidiron en unir esforzos para transformarse en axentes de prevención fronte a unha epidemia silenciosa que se cobra vidas
O conselleiro incide en que os medios de comunicación ocupan un lugar central neste ámbito, xa que poden contribuír de xeito decisivo á prevención
Subliña a importancia de informar con sensibilidade e con rigor, ofrecendo datos que axuden a comprender este fenómeno, así como loitar contra os mitos e reducir o estigma
A guía quere ser unha ferramenta de prevención e sensibilización que sirva de apoio ás redaccións e ás facultades, ademais de contribuír á formación dos futuros profesionais da comunicación
A Xunta está a traballar na elaboración do novo Plan de Saúde Mental 2025-2030, cun enfoque transversal da conduta suicida
Agradece ás persoas que fixeron posible este proxecto, profesionais do Sergas, do 112, do Colexio Oficial de Xornalistas e persoal docente das facultades de Ciencias da Comunicación e de Medicina da USC
Santiago de Compostela, 2 de outubro de 2025
A Xunta de Galicia e o Colexio Oficial de Xornalistas presentaron hoxe unha Guía para o tratamento da conduta suicida nos medios de comunicación, nun acto que contou coa presenza do conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, quen sinalou que o obxectivo do Goberno galego con esta iniciativa é combinar a evidencia científica co labor xornalístico para deseñar unha guía “útil, rigorosa e viable na práctica informativa”.
O titular da carteira sanitaria da Xunta, acompañado da subdirectora xeral de Atención á Saúde Mental do Servizo Galego de Saúde, Almudena Díaz, interveu no acto de presentación da Guía, que tivo lugar na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC. O acto contou, así mesmo, coa presenza do director xeral de Comunicación da Xunta, Jorge Pan, da decana do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, Belén Regueira, e da decana da Facultade de Ciencias da Comunicación, Ana Isabel Rodríguez.
Tal e como incidiu o conselleiro, a conduta suicida é unha situación extraordinariamente dolorosa que require ser tratada con respecto e cunha mirada social e de compromiso cidadá.
Trátase, explicou Gómez Caamaño, dun tema delicado que non admite simplificacións nin frivolidades. Por este motivo, tanto profesionais da saúde como da comunicación, coincidiron en unir esforzos para transformarse en axentes de prevención fronte a unha epidemia silenciosa que se cobra vidas.
O responsable da Sanidade galega sinalou que os medios de comunicación ocupan un lugar central neste ámbito, xa que non só informan senón que tamén forman opinión, crean relato e poden contribuír de xeito decisivo á prevención.
O conselleiro destacou a importancia de informar con sensibilidade e con rigor, ofrecendo datos que axuden a comprender este fenómeno, así como loitar contra os mitos e reducir o estigma.
Ferramenta de prevención e sensibilización
Na súa intervención no acto, o conselleiro incidiu en que a guía hoxe presentada quere ser unha ferramenta de prevención e sensibilización que sirva de apoio ás redaccións e ás facultades, ademais de contribuír á formación dos futuros profesionais da comunicación.
A guía debe entenderse como un pacto colectivo para que os medios dean información de interese público sen recorrer ao sensacionalismo, xa que é un asunto de saúde pública e un motivo de forte preocupación social, e así debe ser tratado.
O conselleiro agarda un cambio cultural, no que falar de suicidio non sexa tabú, senón unha oportunidade para previr, apoiar e ofrecer alternativas.
Novo Plan de Saúde Mental
A Xunta está a traballar na elaboración do novo Plan de Saúde Mental 2025-2030, cun enfoque transversal da conduta suicida, ademais de impulsar proxectos pioneiros de prevención das condutas suicidas, reforzando o acompañamento ás persoas e familias afectadas. Nestas tarefas, é preciso comunicar, de aí a importancia de iniciativas como a Guía hoxe presentada.
Para rematar a súa intervención, o conselleiro agradeceu ás persoas que fixeron posible este proxecto, profesionais do Servizo Galego de Saúde, do 112, do Colexio Oficial de Xornalistas, e dos xornalistas que participaron representando ao seu colectivo.
Tamén puxo en valor a contribución do persoal docente das facultades de Ciencias da Comunicación e de Medicina da Universidade de Santiago de Compostela, cuxo compromiso foi esencial para conseguir unha guía sólida e con visión de futuro.