A Xunta reflicte no festival Monterrei Reverdece o seu apoio ao sector vitivinícola como estratéxico no pulo ao emprendemento ligado ao territorio

Monterrei (Ourense), 4 de outubro de 2025

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, e polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria da Consellería do Medio Rural, Martín Alemparte, asistiu hoxe á inauguración do festival Monterrei Reverdece, que une a IV Festa da Vendima deste concello e a XL Xuntanza Internacional de Gaiteiros, ambos eventos adiados no seu momento polos incendios forestais e onde tamén estivo o alcalde de Monterrei, José Luis Suárez. Alí o conselleiro manifestou o apoio da Xunta ás persoas afectadas, no caso dos profesionais autónomos e ás pequenas empresas que viron afectada a súa actividade polos incendios, acompañándoos na súa recuperación e ofrecendo instrumentos que reforcen a súa competitividade.

Ademais, puxo en valor o potencial do sector vitivinícola na prevención dos lumes e na xeración de emprego rural e de riqueza na provincia de Ourense, así como no emprendemento ligado ao territorio. De feito, eventos como a Festa da Vendima reflicten a capacidade deste sector para preservar a identidade local, aproveitando os recursos propios. Un sector, que tamén é dos máis representativos do cooperativismo en Galicia, ámbito no que a Xunta avanza tramitación do anteproxecto da nova Lei de Cooperativas de Galicia, que está en fase de exposición pública, co obxectivo da súa aprobación definitiva nos vindeiros meses.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/10/2025