O conselleiro de Sanidade, xunto co reitor da Uvigo, Manuel Reigosa, e a directora da Axencia Galega de Doazón de Órganos e Sangue, Marisa López, presentou na Escola de Enxeñería de Telecomunicacións a campaña universitaria de doazón

Gómez Caamaño anima o alumnado da Universidade de Vigo a participar activamente na nova campaña de doazón de sangue, que o ano pasado sumou case 1.400 doazóns e 370 novos doadores

No curso 2024-2025, as tres universidades galegas conseguiron sumar máis de 4.300 doazóns, das que 1.317 foron de novos doantes

Desde que se iniciaron as campañas de doazón nos campus galegos, a Universidade de Vigo rexistrou preto de 67.000 doazóns

Vigo, 7 de outubro de 2025

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, animou esta mañá ao alumnado da Universidade de Vigo a participar na campaña de doazón Este curso non perdas o bus. Dos Sangue, que ten por obxectivo acadar as 4.500 doazóns entre a poboación universitaria.

A Escola de Enxeñería de Telecomunicacións foi o escenario escollido para presentar unha campaña que, do mesmo xeito que en anteriores cursos, se desenvolverá en dúas fases. Un primeiro período que abranguerá dos meses de setembro a novembro, e unha segunda fase, entre os meses de febreiro e abril.

Acompañado pola directora da Axencia Galega de Doazón de Órganos e Sangue, Marisa López; e polo reitor da Uvigo, Manuel Reigosa;  o titular de Sanidade destacou que o ano pasado a Universidade de Vigo acadou 1.378 doazóns, rexistrado un total de 370 novos doantes.  En concreto, o campus de Vigo contabilizou un total de 765 doazóns, seguido polo de Ourense con 309, e o de Pontevedra con 304.

“Estas cifras falan dunha comunidade comprometida e disposta a mobilizarse para salvar vidas”, referiu Gómez Caamaño, destacando o incremento de mozos e mozas que se animaron a doar durante o curso 2024-2025.

“Quero convidar á comunidade universitaria da UVigo a seguir incrementando as doazóns de sangue,“ apuntou o responsable de Sanidade, lembrando que o obxectivo da Xunta é chegar ás 4.500 doazóns entre as tres universidades de Galicia.

No pasado curso, as visitas aos 7 campus galegos conseguiron sumar máis de 4.300 doazóns, das que 1.317 foron de novos doantes (30 % do total).

Así mesmo, durante as últimas tres décadas, as campañas solidarias realizadas na Universidade de Vigo rexistraron un total de 66.918 doazóns.

Por último, Gómez Caamaño pechou a súa intervención agradecendo o labor dos 106 profesionais que integran os equipos de hemodoazón da Axencia Galega de Doazón de Órganos e Sangue, un traballo que garante un proceso seguro, áxil e cómodo, así como o bo funcionamento do sistema sanitario público galego

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/10/2025